As propostas do BNG para incrementar as políticas de emprego, resolver a crise no sector lácteo e mellorar o salvamento marítimo son rexeitadas polo Partido popular
A portavoz de Traballo de BNG, Montse Prado defendeu hoxe ás emendas aos orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar que neste exercicio recorta en máis do 40, 37% as súas contas.
A deputada denunciou que os orzamentos da Xunta para o 2013 espremen aos que menos teñen, non recadan ingresos dos máis poderosos e apostan fielmente polos bancos.
Na defensa das emendas, Prado reiterou que o Partido popular persiste en aplicar impostos para que pague igual o que gana 2 que o que gana 2.000, uns orzamentos, engadiu, ausentes da realidade galega, 300.000 persoas desempregadas, sectores produtivos en vías de extinción e os servizos públicos privatizados.
A nacionalista considerou que as contas do Goberno do PP para o 2013 resultan un fraude para miles de desempregad@s en Galiza, para os máis débiles e vulnerables e mesmo para os traballadores e traballadoras da propia consellería afectados por un ERE encuberto.
Os recortes de 59 millóns de euros para empregabilidade, 26 millóns en intermediación laboral, en formación profesional para desempreg@s máis de 26 millóns, 10,5 millón en emprego autónomo, en total 137 millóns de euros nun momento da grande inestabilidade laboral e cunha previsión de aumento, resultan un novo ataque á cidadanía galega.
Montse Prado avogou por un cambio de rumbo nas políticas de emprego que incidan nas verdadeiras causas e consecuencias da crise económica. Nese sentido, ían as emendas do BNG e máis concretamente dirixidas aos máis novos polo que propuxo un plan de emprego para a mocidade.
Plans específicos para o sector naval de Ferrol e Vigo, programas para impulsar o emprego e contra os recortes antisociais centraron as emendas do BNG á Consellería de Traballo e Benestar.
Medio Rural e Pesca
Pola súa parte, a portavoz de Agricultura do BNG, Tereixa Paz tamén defendeu mudar os orzamentos de Medio e Rural e Pesca por considerar que responden á propaganda do Partido popular pero non resolven nin a crise do sector lácteo, nin aos problemas do sector pesqueiro.
Estes orzamentos, dixo, non reactivan a economía galega máis ben, dixo, diminúe o noso produto interior bruto e incrementa o desemprego.
Para o BNG, manifestou, esta consellería ten a responsabilidade de impulsar un modelo produtivo que permita crear riqueza e emprego pero os orzamentos que hoxe van ser aprobados, insisten nos mesmos erros que agravan a crise no sector agrario e no mar.
Perpetúan as eivas estruturais de moitas explotacións e a destrución do sector pesqueiro por iso, defendeu unha emenda de 17 millóns de euros detraídos da concesionaria para salvamento marítimo e destinalos ao servizo público porque este servizo privado cústanos aos galegos 4 millóns de euros máis, afirmou.
Esta emenda quer poñerlle fin a un política criminal que supón máis orzamento para esta empresa e menos servizo para a cidadanía.
Paz tamén denunciou que o 60 por cento das traballadoras do mar a pe cobran menos do salario interprofesional e a Xunta segue apostando pola acuicultura en troques de apostar polo noso sector marisqueiro e pesqueiro.
Finalmente, a nacionalista propuxo mobilizar 64 millóns de euros para o medio rural para resolver a crise do sector lácteo, o problema demográfico, a incorporación de mozos e mozas e conseguir xerar de emprego neste ámbito.