Carme da Silva acusou hoxe ao Partido Popular de desaproveitar a oportunidade ofrecida polos nacionalistas, a través dunha proposición non de lei, para enviarlle unha mensaxe clara e contundente a Ence de que non vai poder seguir na súa ubicación en Pontevedra máis alá de 2018.
Malia que nos últimos anos o goberno do PP ten aparentado un cambio de posición respecto da ubicación da papaleira e chegou a apoiar acordos parlamentares sobre o seu traslado, a realidade evidenciada hoxe, asegurou Da Silva, é que o dúo PP-empresa segue activo, cun único obxectivo, o de consolidarse en Lourizán aínda que haxa que saltarse a lexislación vixente.
Neste sentido, a deputada do BNG lembrou que o goberno do Estado está estudando a modificación da Lei de Costas, abrindo a posibilidade de ampliación do período concesional de Ence, ante o que Feijóo se amosou preocupantemente tibio e ambiguo.
O goberno ten que cumprir a senteza do Tribunal Supremo e anula o plan sectorial
A parlamentar advertiu que a única forma que ten Feijóo e o Partido Popular de demostrar á sociedade galega que non seguen do lado de Ence, como veñen facendo sistematicamente ao longo da historia da empresa na cidade, é asumindo as reivindicacións do BNG da iniciativa rexeitada.
Anulación do Plan Sectorial
O BNG instaba á Xunta a anular o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do asentamento industrial de ENCE en Lourizán; a revisar as autorizacións ambientais integrais concedidas ao amparo do anterior proxecto sectorial e a manifestar clara e contundentemente diante do goberno do Estado a oposición a calquer modificación lexislativa ou administrativa que prorrogue a ubicación da papaleira na ría.
Carme da Silva, logo de facer un repaso polas distintas manobras do PP no seu empeño de favorecer os intereses da empresa, lembrou a reciente sentenza do Tribunal Supremo que anula o proxecto sectorial de Decembro de 2003, por iso a Xunta e o Partido Popular teñen que adoptar unha posición clara ao respecto e, sobre todo, cumprir a lei.
Demarcación xudicial
O PP rexeitou hoxe unha Proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Tereixa Paz pola que reclamaba instar á Xunta a presentar alternativas á proposta de nova demarcación xudicial galega imposta por Madrid ao fin de reflectir a realidade galega nesta modificación.
A nacionalista pediu tamén solicitar do Ministerio de Xustiza a inmediata retirada da proposta e iniciar os trámites para transferir á Comunidade Autónoma de Galiza a competencia para a demarcación, creación, modificación ou supresión de partidos xudiciais.
Trala resposta da portavoz do PP, Paula Prado, a deputada do BNG reiterou que a demarcación xudicial debe someterse as peculiaridades e características propias da realidade galega e non aplicar outras realidades sociais ou demográficas que resultarían unha distorsión para o noso mapa xudicial, dixo.
Paz insistiu na necesidade de contar con competencias neste ámbito para garantir que a planta e a demarcación xudicial se adecúen ás necesidades da cidadanía galega.
Dispersión poboacional
Neste sentido, explicou que o problema non reside no número de partidos xudiciais senón na distribución de órganos xudiciais no territorio.
Paz reiterou que o Goberno galego debe posicionarse ante a proposta de demarcación e marcar os criterios da realidade galega para que unha persoa, dixo, da Mezquita, de Entrimo ou Gudiña involucrada nun accidente de circulación, non se vexa obrigada a desprazarse ata Lugo ou Ourense a ratificar a denuncia, prestar declaración ou visitar ao médico forense en caso de lesións, estamos falando de cinco ou seis desprazamentos co custe económico que iso supón para as persoas que viven nunha aldea a máis de 100 Qms, manisfestou.
Para a deputada, esta medida representa unha vulneración do dereito efectivo á tutela xudicial.
Tereixa Paz concluíu lamentando o voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista e acusando aos conservadores de seguir por un camiño para construír unha xustiza para quen pode pagala e outra para quen non ten recursos para exercer os seus dereitos.