O PP saca adiente en solitario unha lei urxente para retirar a paga extra aos funcionarios/as

Suárez Canal denunciou a utilización do Parlamento por parte do Partido popular durante o mes de agosto e polo trámite de urxencia para sacar adiante unha lei que será aplicada en decembro.

O Portavoz de Política institucional do BNG, Alfredo Suárez canal rexeitou hoxe  a tramitación da lei polo procedemento de lectura única e votación pola que o colectivo de empregados/as públicas non percibirán a paga extraordinaria do mes de decembro do 2012.

Na súa intervención, Suárez Canal arremeteu contra o proceder do Partido popular na Cámara galega e contra unha maioría da que dixo “abusa das leis en lectura única e votación no mesmo acto”.

Stop e tarxeta amarela a deriva da Xunta

O nacionalista tamén lamentou que a través deste procedemento sexan “cercenados dereitos básicos dos empregados públicos” polo que pediu a todos os deputados e deputadas do hemiciclo votar en contra do texto, “saquemos a tarxeta amarela  porque non é de recibo o trámite deste proxecto de lei”.

O PP altera por segunda vez os orzamentos galegos para reducir retribucións aos empregados públicos

O parlamentario do BNG tamén aludiu ao que considerou “unha alteración” da lei central do Parlamento galego, a lei de Orzamentos que esta lei volverá a modificar, “vostedes, -afirmou- converten a lei en papel mollado”.

Suárez Canal manifestou a súa preocupación pola “deriva” que a Xunta e o PP puxo en marcha e que, ao seu xuízo,  evidencia unha “fasquía claramente autoritaria”.

Finalmente, o trámite foi aprobado só polos votos do Partido popular.

O PP fai recaer a crise nas clases medias e baixas

Trala intervención da conselleira de Facenda que xustificou por mor da crise  as novas medidas económicas contra os empregados públicos,   o parlamentario do BNG lembrou que o argumento do propio Presidente da Xunta de non “tocar as retribucións” dos funcionarios caeu pola borda xa que en dous anos, explicou, os empregados públicos viron reducidas as súas retribucións entre un 20% e 25 %.

O nacionalista asegurou que a austeridade pode ser aplicada noutros sectores en troques de tentar privatizar a “Educación, Sanidade e Servizos públicos”.

Suárez Canal tamén denunciou que a verdadeira intención do Partido popular é consolidar “un novo modelo de prestacións” que non chegarán aos menos beneficiados a pesar, dixo, de que aínda é posible reducir o gasto prescindible como o xerado polos delegados territoriais, as grandes campañas de publicidade institucional e as Deputacións provinciais.

Canal concluíu afirmando que o “Goberno do PP é o máis caro da historia porque non responde con rigor ao seu mandato”.

No transcurso deste  debate, preto de cincocentos empregados e empregadas do sector público manifestaron o seu rexeitamento a lei nas inmediacións do Parlamento galego onde permaneceron ata remate do mesmo,  a pesar das medidas de seguridade e  peche da entrada principal ordenada polos servizos de seguridade da Cámara galega e  policía.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG