Rodas lamenta que o PP non combata a perda de postos de traballo no marisqueo na ría de Vigo
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu elaborar un Plan de recuperación sobre os actuais bancos, abastecemento de cría e medidas anticontaminantes
O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas lamentou hoxe o voto desfavorable do Partido popular á iniciativa nacionalista para a elaboración dun Plan de recuperación e posta en valor do marisqueo na Ría de Vigo coa participación do sector para abordar o control sobre os bancos actuais, o abastecemento de cría, plans conxuntos de limpeza, coidado e sementeira, recuperación de zonas improdutivas e potenciar a promoción, identidade e comercialización do produto.
O deputado tamén reclamou a posta en marcha de medidas anticontaminantes e denunciou que o mercado está sometido ás depuradoras.
Na defensa da iniciativa, Rodas insistiu na actual situación do marisqueo da que dixo, se está producindo un importante esgotamento dos bancos así como a perda continúa de postos de traballo no marisqueo a pé e a flote.
Asemade, indicou que a produción viuse gravemente afectada así como os prezos entre os que destacou o da ameixa xapónica que pasou de 7,75 euros a 4,85.
O deputado aludiu tamén ao esgotamento da ameixa rubia, por mor da alta mortandade, en dous anos e salientou que a Confraría de Redondela pasou de facturar 471.535 euros no ano 2008 a 75.516 no 2012.
A medida que se esgotan os bancos marisqueiros, concluíu, redúcense as posibilidades de emprego e rendas e a Consellería do mar, inhíbese do problema por non contar cun plan de dotación de semente para os bancos marisqueiros e rexenerar as zonas infrautilizadas.