O PP rexeita a prosposta do BNG para eliminar gastos de propaganda nos organismos públicos

Tereixa Paz lembrou que en resposta ao BNG, a Xunta confirmou un gasto de 25 millóns de euros en publicidade dende o ano 2012 e 15,3 millóns no Xacobeo 2010

Os votos en contra do Partido popular imposibilitaron que prospera a Proposición non de lei do BNG sobre a eliminación de todos os gastos de publicidade e propaganda contratados polos dos diferentes organismos e entidades públicas e que non sexan obrigatorios sobre a información de procesos públicos que así o requiran.

Na Comisión 1ª de Administración Xeral, a deputada do BNG, autora da proposición non de lei, Tereixa Paz afirmou que o “o discurso ou relato de Feijóo e o seu Goberno sobre a austeridade” a vista dos resultados resulta “un fracaso”.

O Goberno confunde publicidade con información institucional

A deputada denunciou “os gastos superfluos e prescindíbeis” sen relación directa para manter os servizos públicos e de atención ás persoas que máis o necesitan e requiriu do Partido popular, “diferenciar claramente entre os gastos de publicidade e información institucional” porque, na súa opinión, o Goberno galego “confunde ambas”.

Paz fixo referencia á resposta da Xunta de Galiza a unha pregunta formulada pola propia deputada do BNG, na que a Xunta recoñece gastos de publicidade dende o ano 2012 por valor de 25 millóns de euros aos sumou 15,3 millóns de euros en difusión do Xacobeo 2010.

Asemade, lembrou outra resposta na que a Consellería de Medio Ambiente e Territorio confirma no ano 2012 gastos en propaganda por 1.199.000 euros, a Secretaria Xeral de Cultura, 223.800 euros no mesmo período e a Cidade da Cultura 583.000 euros en programas e campañas que non se corresponden con estas institucións.

Campañas publicitarias contrarias á realidade

Sobre as campañas destacou a de Solidariedade contributiva para animar aos contribuíntes a pagar os impostos, non sei, dixo a deputada se estaban pensando en Barcenas ou nos beneficiarios da amnistía fiscal, outra en defensa dos valores do territorio cando a Xunta está a inzar de “minas a ceo aberto” o noso país e rematou con campañas que cualificou de “propaganda pura e dura” como a da difusión en materia de augas de Galiza coa que a Xunta negaba o canón da auga que “agora estamos pagando” e a campaña de Galiza competitiva e emprendemento nun sector no que, recalcou a Xunta “ten recortado máis en I+D+i”.

Tereixa Paz tamén denunciou a realización doutras campañas sobre a modernización da sanidade ou a minería das que dixo “non hai nada que explicar” despois do que está a facer o goberno galego coa privatización dos hospitais e os proxectos de novas minas.

A nacionalista criticou que os galegos e galegas padezamos o “discurso do austericidio” do Partido popular para despois de catro anos de “relato” dunha suposta eliminación de gastos non necesarios para o funcionamento da administración, constatemos que resultaron “un absoluto fracaso” .

Para Tereixa Paz, en cada novo orzamento son incrementados os “gastos correntes en detrimento dos gastos de investimento” o que demostra a todas luces que non existe a tan “cacareada austeridade do Goberno galego”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG