O BNG denuncia que a Xunta quere desmantelar o Servizo Aduaneiro Galego.
A deputada do BNG, Montse Prado reclamou, a través dunha Proposición non de lei, instar á Xunta a manifestar o seu rexeitamento ante o Goberno español do traslado ao Mediterráneo dunha das lanchas do SAG con base en Vilargacía
Na proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Montse Prado, incluía manter os medios actuais e recuperar o avión 112 con base en Santiago de Compostela e o helicóptero Dauphiné con base en Vigo así como reemprazar as embarcacións con base en Ribadeo e Muros.
A parlamentaria solicitou ademais, cubrir a totalidade das vacantes do persoal e eliminar a ridícula taxa de reposición mudándoa por unha Oferta pública de Emprego con prazas suficientes e ofertar prazas en concurso de traslados.
Montse Prado trasladou ao Parlamento a preocupación dos colectivos contra o narcotráfico polo desmantelamento progresivo dos recursos humanos e materias así como a incapacidade para as actuacións por falta de relevos.
A parlamentaria lembrou que o pasado venres, 12 de xuño as Asociacións contra a droga organizaron unha concentración en Vilagarcía para visibilizar 25 anos de traballo contra o narcotráfico e lembrar a Operación Nécora. De confirmarse as previsións de desmantelar o SVG, recalcou a deputada, a medida incidirá moi negativamente na loita contra o narcotráfico.
O narcotráfico, lamentou a nacionalista, non é un problema menor, o consumo de droga segue a ser importante e os barcos que chegan de alta mar continúan utilizando as costas galegas para as súas operacións ilícitas.
O PP desminte o traslado da embarcación do Servizo de Vixilancia aduaneira
O portavoz de pesca do PP, José Manuel Balseiro asegurou que tras consultar a Axencia Estatal da Administración Tributaria é falso que exista algunha previsión, presente o futura de trasladar a embarcación de vixilancia aduaneira de Vilagarcía polo que anunciou o voto en contra á proposta nacionalista.
Nós, afirmou,Balseiro, defendemos un reforzo xeral dos servizos e corrixir as deficiencias detectadas pero non apoiaremos falsas alarmas publicadas polos medios de comunicación de Vilagarcía.
Montse Prado acusa ao PP de oporse ás iniciativas destinadas a vixilar o narcotráfico
Na quenda de réplica, a deputada lamentou a resposta do voceiro popular e explicou que a propia Dirección galega de vixilancia aduaneira e a Delegada da Axencia Tributaria confirmaron á Fundación Galega contra o Narcotráfico que barallan facer o traslado polo que reclamou ao portavoz do PP que amose o escrito que desminte esta información, porque oralmente barallan facelo e non está desmentido, reiterou.
Non entendemos cal é o problema do PP para demandar do Goberno galego que se opoña á intención de facer ese traslado.Para o PP, o narcotráfico non é unha prioridade e parece que prefiren que o Presidente da Xunta se pasee pola Ría de Arousa bronceándose con narcotraficantes, concluíu.