O PP rexeita unha proposta do BNG para frear a venda de NCG BANCO

Intervención de Francisco Jorquera no Parlamento galego

Francisco Jorquera reclamou a permanencia de NCG Banco como entidade financeira galega e independente e transformala en Banco Público galego

Pleno.-Unha vez máis, o BNG lamentou que o Partido popular rexeitara a Proposición nacionalista destinada a paralizar a venda de NCG Banco, entidade sistémica para Galiza e a súa transformación nun Banco Público galego.

Na súa intervención, Jorquera respondeu ao portavoz popular, Pedro Puy que en toda Europa existe banca pública e cualificou de “inmoral e inadmisible” utilizar os cartos públicos de tod@s para sanear a banca privada e logo regalarlla a sector privado, “non aceptamos esa lóxica perversa”, apostilou.

O deputado agradeceu o apoio de AGE e PSdeG á proposición non de lei nacionalista e lamentou que o Partido popular negue que nos atopamos ante unha “situación crucial” para o sistema financeiro galego.

O BNG aposta por transformar NCG Banco nun Banco público galego

Estamos ante unha cuestión, dixo, “que revela o papel asignado a Galiza no Estado español” e preguntou que pasaría se o Banco Santander ou o BBVA fose adquirido por unha entidade foránea? que seguramente “ardería Troia” porque se consideraría estratéxico para España ter entidades propias, pois tamén para Galiza, repetiu, resulta sistémico ter entidades propias.

Jorquera abondou neste extremo ao preguntar a Puy Fraga pola posibilidade dunha venda de Bankia, circunstancia que ao seu xuízo non se producirá porque resulta sistémica para España, sen embargo, “o que é sistémico para Galiza, España non o considera”.

Nova Galicia Banco querémola nós, “queremos que sexa nosa” porque o que non pode ser, criticou, é que as caixas de aforros galegas sexan saneadas con recursos públicos para seren regaladas ao sector privado.

Para Galiza “sería ruinoso” que NGB fose adquirida por un banco español e a solución dun fondo é “unha trampa” porque esixe unha permanencia de cinco anos e estes fondos compran para logo vender poñendo en risco a permanencia da entidade financeira independente galega o que suporá unha “ameaza”.

Neste sentido apostou pola alternativa de transformar NCG Banco nunha banca pública galega, proposta que o Partido popular novamente rexeitou.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG