A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu unha proposta instando á Xunta a rectificar a decisión contida nos orzamentos do 2014 de subir o canon de tratamento de lixo en SOGAMA e proceder a devolucións aos concellos das cantidades cobradas indebidamente
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón lamentou que, unha vez máis, o Partido popular rexeitara unha iniciativa do BNG destinada a devolver as cantidades indebidamente cobradas os concellos polo canon do tratamento de lixo en SOGAMA.
Na súa intervención, Pontón argumentou que existe un conflito xudicial e que ante a posibilidade de abrir a inconstitucionalidade dunha lei, a Xunta debería rectificar coa suba do canon proposta nos orzamentos do 2014. A deputada cualificou de colmo do absurdo que o portavoz do PP, na Comisión de Medio Ambiente, defendera que SOGAMA é un modelo de xestión medioambiental porque os datos, dixo, din o contrario. A incineración, explicou Pontón, é un proceso altamente contaminante e algunhas das substancias emitidas como as dioxinas son un produto canceríxeno e acumulativo que está a crear graves problemas no entorno.
SOGAMA, remarcou a parlamentaria, está a crear un grave problema ambiental que vostedes non poden negar, sobre todo despois dunha sentencia xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirmaba a falsificación de datos medioambientais sobre Areosa entre os anos 2003 e 2008.
A nacionalista preguntou se o Partido popular tiña vontade política para rectificar porque de ser así, podería modificarse nos próximos orzamentos a suba do canon e arbitrar mecanismos para devolver as cantidades cobradas de maneira indebida e xustificada nunhas perdas que logo non foron tais.
Dende o ámbito político, afirmou, pode facerse pero moito nos tememos que o Partido popular segue enrocado e non atender a razóns que non sexan exclusivamente as súas, a pesar do grande custe que iso ten para a cidadanía obrigada a pagar cada vez, taxas máis abusivas, concluíu.