O PP rexeita a iniciativa do BNG para instar á Xunta a desautorizar a mina de Corcoesto

Os votos en contra do G.P. do PP impediron sacar adiante na Cámara unha proposición non de lei do BNG reclamando a paralización do proxecto de mina a ceo aberto de Corcoesto e que non sexa autorizado por parte da Xunta.

O deputado do BNG Carlos Aymerich lamentou o posicionamento dos populares ante un proxecto que vai poñer a Galiza á cola de Europa en materia medioambiental, pois mentres todos os países da UE avanzan cara á prohibición deste tipo de minas e da minería con cianuro, “o goberno da Xunta, nunha atitude propia doutros tempos, entrega a prezo de saldo a unha multinacional canadiana a expoliación dos seus recursos”.

Aymerich insistiu en que non entende que intereses poder ter o presidente Feijóo neste proxecto e por que minte cando fala dos postos de traballo que se van crear, pois mentres o presidente da Xunta fala de 1371 postos a propia empresa di que van ser 271 entre traballos directos e inducidos.

O parlamentar criticou tamén a “parcialidade lexislativa” da Xunta coa empresa extranxeira, obviando as alegacións presentadas á mina pola Plataforma de afectados e autorizando unha declaración de impacto ambiental que é a reproducción case exacta da declaración presentada pola propia empresa Edgewater Mining CO.

O deputado nacionalista lembrou que a empresa canadiana presentou a solicitude como proxecto industrial estratéxico, “coincidindo casualmente –ironizou- coa promungación da nova lei de industria, que permite abreviar a tramitación en detrimento da transparencia e da participación cidadá, alén de facilitar a inobservancia da normativa ambiental, paisaxística e patrimonial.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG