O PP rexeita auditar a licitación dos medios aéreos contra os incendios como reclamaba o BNG

A deputada, Tereixa Paz tamén reclamou introducir no Pladiga 2015 medidas concretas de colaboración cos concellos para a realización de tarefas preventivas nas franxas de protección dos núcleos rurais

Tereixa Paz intervindo no Pleno

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu onte, a última hora da tarde, unha moción pola que instaba ao Goberno galego a “auditar” os procesos de licitación da contratación dos medios aéreos de loita contra incendios así como as sucesivas prorrogas atendendo ás consideracións do Consello de Contas cara futuros procesos.

A parlamentaria tamén reclamou na súa intervención introducir no Pladiga 2015 “medidas concretas e efectivas” de colaboración cos concellos para realizar tarefas preventivas nas franxas de proteccións dos núcleos rurais.

A moción defendida pola nacionalista Tereixa Paz demandou dimensionar de maneira adecuada o dispositivo público coa cobertura de “todas as prazas vacantes” de funcionarios e funcionarias, persoal laboral fixo e fixo discontinuo, así como as baixas e ausencias que se produzan.

Asemade a parlamentaria reclamou dotar “de inmediato” as brigadas helitransportadas de persoal propio de helicópteros para que poidan incorporarse ao seu cometido.

Pola súa parte o deputado do PP, José Manuel Balseiro persistiu na manipulación dos datos, afirmando que hai unha practica total cobertura de vacantes, cando todo o mundo sabe, afirmou a deputada que “hai moitas brigadas que non superan os 2 ou 3 dos 7 integrantes das que debería dispoñer”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG