O PP responde ao BNG que este ano non serán iniciadas as obras do Hospital do Salnés

Montse Prado acusa ao PP de “enganar novamente” á cidadanía do Salnés e incumprir os seus compromisos

Os investimentos de 6.125.780 euros contemplados nos Orzamentos non serán destinados a iniciar as obras do Hospital do Salnés segundo, confirmou a Xerente do Sergas, Nieves Domínguez na resposta á pregunta formulada pola portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado en comisión.

A parlamentaria nacionalista lamentou que o PP “incumpra os prazos de ampliación do hospital” e considerou unha nova “burla” aos veciños e veciñas do Salnés esta falta de compromiso.

Prado indicou que os profesionais da sanidade levan anos demandando esta ampliación e unha vez máis “o PP volve a dar as costas a esta reivindicación”.

A deputada criticou que o propio Delegado da Provincia de Pontevedra, Cores Tourís se comprometera a iniciar as obras, cando en realidade, dixo, “unha vez máis os compromisos do PP resultan ser papel mollado”.

O BNG, dixo, mostra a súa sorpresa ante as afirmacións da Xerente do SERGAS que confirmou permanecer á espera de que a Comunidade do Salnés complete a “documentación da cesión da parcela para esta ampliación” o que evidencia, manifestou, “que a Xunta non deu ningún paso para efectivizar as obras”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG