A deputada do BNG, Ana Pontón reclamou iniciar un novo proceso cunhas bases que cumpran a lei ante as irregularidades, recoñecidas polo PP no anterior proceso
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe, a través dunha Proposición non de lei, anular o proceso de selección de director/a do Centro Galego de Arte Contemporánea ante as irregularidades detectadas e o incumprimento dos criterios e principios na contratación pública.
O PP recoñece irregularidades no proceso pero non anulará o concurso do director do CGAC
A deputada acusou á Xunta de xestión irresponsábel do CGAC e de tentar facer un concurso á medida e predeterminado de antemán para cubrir o posto de director/a.
Tras a intervención do portavoz popular, Agustín Baamonde que recoñeceu algunhas irregularidades no procedemento pero anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista para anular o concurso, Pontón lamentou que o PP sega instalado na mentira como sistema e preguntou porque non explica os verdadeiros motivos que levaron a variar as bases. Sabemos, dixo, que hai unha práctica do PP nas institucións para facer postos a medida dunha persoa, simulan un proceso democrático cando en realidade estamos ante unha fraude democrática.
Vostede, dixo Pontón, dirixíndose ao portavoz popular, sabe que no primeiro proceso de seleccións non se actuou conforme ás bases e recoñeceuno tamén a propia Xunta pero en vez de revisar o que fixeran seguiron actuando de maneira irregular. Inventaron unha proba que non aparecía nas bases e nomean a unha asesora que só avalía a competencia lingüística en inglés, pode hoxe aquí o Partido popular demostrar que se fixo unha avaliación da competencia lingüística das linguas oficiais? non o van facer porque saben que non foi así e polo tanto, están a recoñecer, coa boca pequena que existen irregularidades neste proceso de selección.
Finalmente, a deputada criticou que o portavoz popular eludira referirse a importante baixada de visitantes e as criticas das propias persoas seleccionadas polo Xunta no proceso. En definitiva, afirmou, o PP pon as bases e as persoas que deciden o concurso e o propio Patronato do CGAC síntese ninguneado nas funcións que a Xunta lle está a usurpar.