O PP sentou un grave precedente esta mañá no Parlamento configurando unha orde do día de pleno extraordinario da que ficaron fóra as propostas dos grupos da oposición e na que presentaron dúas proposicións de lei sobre reformas de calado que deberan chegar ao debate por consenso, non "de parte" da forza maioritaria.
Trátase das reformas da Lei do Valedor e do regulamento da propia Cámara, coas que o PP racha as regras de xogo democráticas, segundo denunciou o deputado do BNG Alfredo Suárez Canal, quen reclamou a retirada da primeira, do Valedor, por ser unha disculpa do PP para manter a situación de interinidade que ten agora mesmo a institución e un intento de gubernamentalizar o seu funcionamento.
Suárez Canal advertiu que con esta tramitación se senta un grave precedente na Cámara, pois o Valedor do Pobo é un comisionado do Parlamento e por iso calquera modificación da súa regulación debera partir do consenso de todos os grupos.
O PP tenta dilatar a renovación do Valedor e tras a disculpa da austeridade agacha un intento de gubernamentalizar a institución
Neste sentido, o deputado nacionalista asegurou que o PP negou en todo momento esta posibilidade e rexeitou as reunións propostas polo BNG para abordar este asunto e tentar redactar unha iniciativa conxunta.
Interinidade e falsa austeridade
Para o parlamentar do BNG, fica claro, por tanto, que elixir este mecanismo de tramitación demostra que o goberno e o PP están cómodos na situación de interinidade que se produciu trala dimisión de Benigno López, e agocha intereses que nada teñen a ver co aforro e a eficiencia da institución.
Sobre a situación de interinidade, Suárez Canal salientou que mantela significa incumprir a lei, pois esta fixa o prazo máximo dun mes dende que se produce a vacante para iniciar o proceso de renovación, proceso que o BNG tentou pór en marcha pero que o PP rexeitou.
Sobre o obxectivo dun suposto aforro no funcionamento da institución, eliminando a figura dos tres vicevaledores e sustintuíndoos pola figura dun adxunto, o deputado nacionalista asegurou que non é un argumento críbel porque a lei vixente xa permite reducir de 3 a 1 os vicevaledores, só faría falta consenso político.
Perfil gubernamental
Suárez Canal considera que o que realmente se persigue con esta medida é degradar a figura do Valedor e gubernamentalizala, pois o perfil que se define para esa nova figura de adxunto é a dun secretario xeral.
O parlamentar nacionalista lembrou que o Valedor é unha institución que fai de contrapunto á acción de goberno, é fundamental para garantir os dereitos colectivos dos cidadáns, como pobo, e os individuais dos máis débiles, por iso urxe recuperar o seu prestixio e que manteña a súa independencia, non degradala a través dun sesgo gubernamental, concluiu.
Regulamento do Parlamento
Se no caso do Valedor a decisión final do BNG na votación foi a abstención, no caso da reforma do regulamento a opción foi respaldar a proposta do PP, mais defendendo a necesidade de reformas de máis calado, que non se limite á regulación do voto en casos de maternidade.
A deputada nacionalista Tereixa Paz, encargada de defender a postura do BNG neste debate, explicou que non se trata de restarlle importancia ao avance na igualdade que supón abordar o punto concreto do voto, pero considerou que cómpre avanzar tamén noutros aspectos.
Maior democratización
Neste sentido, puxo como exemplo a necesidade de introducir unha maior democratización do Parlamento, de tal xeito que todos os grupos sexan iguais á hora de poder tramitar todo tipo de iniciativas e teñan maior capacidade para facer seguimento dos acordos adoptados na Cámara.
Tereixa Paz afirmou que este tipo de mudanzas, non obstantes, deberían ser froito dunha ponencia conxunta, non debatirse a posteriori, no desenvolvemento ordinario dunha proposición de lei de parte, neste caso do PP, por ser grupo maioritario.
O voto do BNG non é un cheque en branco, hai que preservar a igualdade entre homes e mulleres e o voto telemático, non por delegación
Este modo de operar do PP lamentou- non é novo, acabamos de comprobalo no debate anterior, da reforma da lei do Valedor, e semella forma parte do ADN do Partido Popular, pois na reforma do regulamento de 2003, o procedimento elixido tamén foi o dunha proposición de lei unilateral por parte do PP.
Para a parlamentar nacionalista, cómpre lembrar como na lexislatura pasada houbo un intento de mudar as cousas, a través dunha ponencia conxunta creada en 2008, que tiña como obxecto abordar cambios de carácter global, incluidos o do voto.
Igualdade real
Sobre este aspecto concreto, Tereixa Paz anunciou que o voto do BNG non é un cheque en branco, senón que está condicionado a que se preserve que a igualdade sexa real para homes e mulleres, que non se asocie só a baixa de maternidade ás nais, e ao final o que tiña que ser un avance en igualdade se acabe convertindo nunha discriminación, neste caso para os pais, e na consolidación dun papel das mulleres relegado ao coidado dos fillos.
Asemade, o BNG tamén discrepa coa proposta do PP en que o voto sexa por delegación e defenderá que se aproveiten as fórmulas telemáticas, para así non menoscabar as obrigas de voto persoal e indelegábel que van intrínsecas á condición de deputados/deputadas.