PP e PSOE non apoiaron nin unha soa das demandas de infraestruturas de Galiza durante o trámite de votación na Comisión de Transportes na Eurocámara
Nin o Porto de Vigo, nin o Aeroporto de Santiago, por citar dous exemplos concretos, recibiron o apoio da Comisión de Transportes da Eurocámara para ser incluídos na categoría de infraestrutura "básica ou principal" dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) 2014-2020, como solicitaban as emendas presentadas polo BNG, para acadar que ambas infraestruturas tivesen acceso a uns investimentos e a uns tempos de execución moito máis beneficiosos.
Sen embargo, gracias ao apoio de PP e PSOE o Porto de Santa Cruz de Tenerife e os aeroportos de Alicante, Málaga, Las Palmas de Gran Canaria e Tenerife Sur recibiron luz verde na para ser incluídos como portos principais dentro da RTE-T, apoio que non concederon a ningunha das infraestruturas galegas.
Neste sentido, o BNG denuncia a actitude das dúas forzas maioritarias no Estado español, PP e PSOE, "que unha vez máis relegan a Galiza nas súas prioridades, ignorando todas e cada unha das demandas presentadas para mellorar a posición do noso país dentro da futura rede Transeuropea de Transportes", explica a eurodeputada nacionalista Ana Miranda.
"PP e PSOE pactaron un conxunto de emendas de compromiso para ser votadas na Comisión de Transportes da Eurocámara, conscientes de que non ía ser posible aprobar todas as demandas procedentes do Estado español. Unha vez máis, Galiza quedou relegada nas súas prioridades, unha vez máis Galiza é secundaria para estas forzas políticas ", explica a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.
"Obviamente non temos nada contra esas infraestruturas, pero entendemos politicamente impresentable que se ignore olimpicamente as peticións de Galiza, coma no caso do Porto de Vigo ou do Aerorporto de Santigo e doutras demandas en materia de transporte ferroviario, marítico e por estrada", recalca Miranda.
Miranda salienta que PP e PSOE pactaron as súas emendas con total exclusión do BNG, ignorando o apoio que podían obter a favor das infraestruturas para Galiza a través do Grupo Verdes/ALE, pese a que a formación nacionalista trasladou hai meses aos dous grupos políticos a súa total dispoñibilidade para sacar adiante as propostas de Galiza en materia de infraestruturas na Eurocámara, por tratarse "dunha cuestión de país". "Unha proba evidente de que non tiñan interese real en que as demandas de Galiza prosperasen, nin reparo en sacrificalas fronte as propostas doutras partes do Estado español", lamenta Miranda.
Hai que salientar que a Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) recolle a folla de ruta en materia de infraestruturas marítimas, ferroviarias, aéreas e por estrada para os vindeiros anos. As infraestruturas aquí recollidas quedan divididas en dúas categorías, a global ou xeral e a principal ou nodal, estas últimas acaparan o 85% dos fondos, -50.000 millóns de euros-, e deben estar executadas antes 2030. As incluías na categoría global, reciben un 15% do orzamento e a súa execución pode demorarse ata 2050.
Estar ou non estar no documento e na categoría acaída supón, por tanto, unha diferencia evidente en termos de orzamento e de tempos.