O PP opónse a aumentar os medios para violencia de xénero, tal e como pedía o BNG

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu na Comisión de Igualdade unha proposición non de lei cunha serie de propostas económicas e sociais para aumentar os medios destinados a combater a violencia de xénero. Mais non prosperou xa que o PP negouse a incrementar os recursos neste ámbito.

O factor económico o principal á hora de pór fin á violencia de xénero

A deputada do BNG aludía ao informe do Observatorio da Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, que indicaba que as denuncias por violencia de xénero se reduciran nun 10%, así como o feito de que aumentou a retirada de denuncias.

Davila subliñou outro dos factores do Informe a ter en conta que é que a dependencia económica das mulleres é o principal factor á hora de decidirse a pór fin ao calvario da violencia, “a dependencia económica é un muro demasiado alto para moitas mulleres vítimas que as paraliza á hora de rematar con este círculo infernal”.

Aumenta a agresividade e a violencia de xénero na mocidade

A deputada do BNG lamentou a reducción dos recursos asistenciais por parte do Goberno, especialmente no que atinxe ás prestacións económicas. “Segue habendo unha deficiente atención ás mulleres que sofren violencia de xénero cando acuden ás dependencias policiais a presentar unha denuncia”.

Lembrou o artigo 31 da Lei Orgánica de medidas contra a violencia de xénero que ordena ao Goberno estabelecer unidades especializadas no ámbito das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Davila afirmou que “a loita contra a lacra da violencia de xénero non permite treguas nin paralizacións. Máis moito nos tememos que se relaxaron os esforzos para combatila”.

Nese sentido, enumerou as propostas que o BNG fai ao Goberno nesta proposición non de lei, como a necesidade de realizar campañas informativas destinadas á concienciar sobre este grave problema. Así, lembrou que onte mesmo a Ministra de Sanidade presentou un estudo que alerta do aumento da violencia de xénero e do machismo na mocidade. “É importante educar na prevención da agresividade pero tamén é importante concienciar ás mozas de que non aguanten situacións de violencia”.

Insistiu na necesidade de incrementar as prestacións económicas destinadas a facilitar a emancipación económicas das mulleres maltratadas. Davila subliñou que “como di o Observatorio da Violencia Doméstica e de Xénero do CXPX, a cuestión económica é fundamental”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG