O PP négase a facer un estudo que determine o impacto na saúde pola actividade de Sogama

A deputada do BNG, Ana Pontón reclamaba un estudo epidemiolóxico ao fin de controlar o impacto na saúde derivada da actividade incineradora da planta de Sogama

Ana Pontón

A deputada do BNG, Ana Pontón lamentou hoxe que o Partido popular votara en contra da Proposición non de lei nacionalista para iniciar a elaboración dun estudo que determinaría o posible impacto na saúde das persoas da comarca de Ordes derivada da actividade incineradora da planta de Sogama no concello de Cerceda.

Na súa intervención, a deputada do BNG considerou que o Goberno galego descoñece a realidade e por iso demostra unha total “despreocupación” pola saúde deste País, de non ser así, dixo, non aplicaría tantos recortes na sanidade pública con consecuencias tamén para esperanza de vida das persoas.

Vostede sabería, inquiriu, dirixíndose á popular Marta Rodriguez-Vispo, que en Sogama hai un gran vertedoiro e o seu goberno acaba de gastar máis de vinte millóns de euros para amplialo o que representa unha “auténtica bomba ambiental”.

Tras a intervención da deputada popular, Rodríguez –Vispo que negou a necesidade de elaborar o estudo reclamado polo BNG por entender que os datos publicados por Sogama non o recomendan, Pontón criticou a ausencia de datos fiábeis sobre outro tipo de emisións e aludiu a estudos e evidencias científicas que confirman os riscos para a saúde derivados de toda actividade incineradora, terán polo tanto, manifestou, que demostrar que “SOGAMA non representa ningún risco” neste sentido.

A parlamentaria afirmou que a incineración afectada ademais de en casos de cancro, a persoas maiores, menores e adultos e por iso, volveu reclamar un “estudo epidemiolóxico” non só centrado no cancro, “queremos un estudo máis amplo que analice outro tipo de afeccións”.

Co seu voto desfavorable a esta petición, afirmou, vostedes lle están negando ao conxunto de veciñas e veciños da comarca saber “cómo afecta na saúde a actividade da planta de SOGAMA”.

A deputada tamén botou man de diversos estudos realizados en Bélxica, Italia e Francia para demostrar que os efectos existen. O que me alarme, concluíu é “a frivolidade” coa que despacha o Partido popular un problema destas características.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG