O BNG lamenta a pouca vontade amosada polo grupo popular para debatir coa oposición e poder consensuar dous textos lexislativos, o de Bibliotecas e o de Xuventude, tan necesarios para o País e que, no caso concreto das bibliotecas, ficou pendente da anterior lexislatura e agora se mal copia impedindo unha lexislación integral que dote de estabilidade o sector.
A voceira do G.P do BNG, Ana Pontón, xustificou a abstención á Lei de Bibliotecas porque non recoñece a súa función no proceso de normalización do idioma, non mellora a proteción legal do patrimonio bibliográfico nin garante o acceso en igualdade ao sistema bibliotecario galego, nomeadamente o financiado con cartos públicos, abrindo a porta a que teñamos que pagar polo acceso a algúns servizos.
Ana Pontón, durante o debate en pleno deste proxecto de lei, lamentou que o PP abortara a posibilidade de poder sacalo adiante con consenso e unanimidade.
Emendas rexeitadas
Todos compartiamos dixo- a necesidade de que exista un cambio normativo no ámbito das bibliotecas pero o PP enfocou a tramitación da lei con escasa vontade para chegar a acordos.
As emendas do BNG tiñan como obxectivo, continuou Pontón, corrixir todas estas eivas e poder articular unha lexislación integral, que poidera dotar de estabilidade a toda a rede de bibliotecas de Galiza, mais das 24 emendas nacionalistas o PP só aceptou 6 e ningunha de calado.
Lei Xuventude
Pola súa parte, Henrique Viéitez anunciou o voto en contra do grupo nacionalista ao proxecto de lei de xuventude de Galiza por afondar en políticas fracasadas de emprego, vivenda e proceso formativo da mocidade.
Viéitez mantivo 30 segundos de silencio para evidenciar a falta de diálogo do PP
O parlamentario, que principiou cun silencio de trinta segundos para evidenciar a falta de diálogo e consenso do PP na presentación de emendas dos grupos con representación na Cámara, afirmou que a nova lei é o resultado dunha proposta de Novas Xeracións do ano 2006 pero con novos recortes polo que cualificou o novo texto de baleiro de contido para resolver a situación sociolaboral da mocidade.
Nestes sentido, explicou que na actualidade 55.000 persoas menores de trinta anos permanecen desempregados, valor incrementado nos últimos anos no 3,5% entre os menores de 16 a 19 anos e o 8,8% de entre os de 25 a 29, vostedes fracasaron porque aplicaron políticas de emprego nefastas, dixo.
Política de vivenda
Para o deputado do BNG, o proxecto adoece de medidas para mellorar a situación dos mozos e mozas galegos e referiuse concretamente á política de vivenda que aparece no novo proxecto.
Consello da Xuventude de Galiza
Para o deputado do BNG, a entidade pública será relegada trala nova lei, o Goberno determinará a súa composición e funcións polo tanto, afirmou, fúrtanlle a representatividade dos órganos de goberno para minguar o seu funcionamento.