Ana Pontón defende a implantación de plantas comarcais de compostaxe e rexeita o modelo Sogama por ineficiente e ruinoso.
Pleno- A Iniciativa Lexislativa Popular, avalada por máis de 20.000 sinaturas para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe coñecidos polas 3R foi rexeitada polo Grupo do Partido popular.
Manuel Soto, portavoz da comisión promotora da ILP, lamentou que a petición dunha lei en defensa da reciclaxe non prosperara como aconteceu hai 17 anos cando foi defendida, por el mesmo e no mesmo estrado, durante o Goberno presidido por Manuel Fraga.
Para Soto, os perigos da contaminación ambiental incidirán na saúde co aumento de enfermidades como o cancro, a diabetes, a esterilidade e trastornos xenéticos, e verémolo en xeracións vindeiras, vaticinou.
Manuel Soto rexeitou a instalación dunha nova incineradora en Galiza e defendeu que a reciclaxe pase do 10% ao 50% en seis anos.
O BNG aposta por outro modelo para a xestión de residuos sólidos
Pola súa parte, a deputada do BNG, Ana Pontón amosou o apoio desta forza política á Iniciativa Lexislativa Popular e defendeu apostar por plantas comarcais de compostaxe fronte un modelo representado por SOGAMA que resulta ruinoso e ineficiente.
Pontón censurou que se queimen elementos que poden ser reutilizados e criticou que o Partido popular non contemple as evidencias científicas que levaron a moitos países a rexeitar a incineración como único modelo a xestión de residuos sólidos.
A deputada lamentou que o Partido popular non aceptara superar un modelo fracasado e impedir situar a Galiza na vangarda da xestión do lixo de maneira sustentable.
Pontón concluíu a súa intervención reiterando o seu apoio a comisión promotora da ILP por traer ao Parlamento un debate sobre un dos problemas ambientais máis importantes en Galiza, a xestión dos residuos sólidos así como a filosofía dos modelos polos que se opta porque, manifestou, é vital para Galiza superar o modelo de SOGAMA, unha auténtica bomba ambiental que ataca á saúde pública.