O PP en contra da moción do BNG para que as axudas da PAC sexan máis xustas, non só para os grandes

O PP rexeitou este serán no Pleno do Congreso a moción da portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, que demandaba por parte do Goberno español a defensa na UE dunha PAC máis xusta na distribución das axudas agrarias, que tal e como está, beneficia só ás grandes explotacións, e grandes terratenientes, “esquecendo aos pequenos e medianos productores agrarios, o que máis temos na Galiza”.

Davila comezou sinalando que a moción do BNG é mostra de que “nos preocupa a sostenibilidade do sector agrario, sobre todo o galego. E nos preocupa que perciban unhas rendas dignas”. Fixo unha especial mención á situación do sector lácteo. E a necesidade de regular os mercados para estabilizar os prezos agrarios para que nos se siga “a vender leite por debaixo dos custes de producción”. Defendeu as axudas vinculadas á actividade agraria e non ás hectáreas.

A deputada do BNG acordou co grupo socialista e con CIU un texto de nove puntos que recolle e propón unha serie de melloras de cara as negociacións tripartitas que quedan pendentes antes da aprobación definitiva da PAC. Un acordo que non contou co respaldo do PP e que, por tanto, non permitiu a súa aprobación.

Hai que cambiar a actual PAC

A deputada do BNG lembrou que no estado actual a UE non cambiou unha das principais inxustizas da PAC en relación ás axudas agrarias: ““Co reparto que fan persisten as inxustizas. Pouco máis do 20% das explotacións agro gandeiras da UE acapararán o 80% das subvencións directas da PAC”. Criticou que se manteña un reparto desigual que prexudica ao noso sector, sobre todo o galego que se caracteriza por pequenas e medianas explotacións familiares”. Polo tanto, resumiu, os grandes latifundios, os grandes rentistas e as grandes multinacionais seguen a ser os maiores beneficiarios dos fondos.

O obxectivo do BNG: asegurar rendas dignas aos labregos e labregas

Dávila enumerou algunhas das medidas propostas como que se garantan medidas para a adaptación dos productores en caso de eliminaren o sistema de cotas lácteas. No texto acordado, pedíase o estabelecemento de instrumentos de regulación de mercados financiados pola UE para estabilizar os prezos agrarios.

E outra das cuestións fundamentais: que as axudas estean vinculadas ao mantemento da actividade agraria con limitación da contía máxima e unha mínima que “asegure rendas dignas aos labregos e labregas”. Para Dávila o medio rural depende da actividade agraria e “se lle quitamos a producción agraria lle quitamos a súa base. É importante que nun momento no que está a fallar o emprego industrial se incentive o emprego agrario”, e subliñou que é o que fixa poboación.

Demandou asemade que se declare ao sector lácteo de especial sensibilidade e reciba as axudas precisas para garantir o seu futuro. A necesidade de contemplar para as rexións en transición taxas de co financiación similares ás do obxectivo de converxencia.

Outro dos aspeitos salientados na moción é a necesidade de contemplar no funcionamento da cadea alimentar, as medidas precisas para asegurar un reequilibrio das relacións entre productores, industrias, cadeas de alimentación e consumidores.

Tamén se enfatiza o aspeito de xénero, e deste xeito o acordo pedía medidas de acción positiva destinadas a mellorar a situación das mulleres productoras, “incentivando as explotacións de titularidade ou co titularidade femenina”.

E unha cuestión referida ás CC.AA, de xeito que se tivesen en conta as especificidades do tecido agropecuario de cada CC.AA na nova distribución do denominado cheque nacional que o Goberno debería consensuar coas CC.AA

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG