No debate da Proposición de Lei nacionalista, Francisco Jorquera retou ao Partido popular a posicionarse ao lado d@s estafad@s ou dos estafafores e demostrar vontade política no trámite parlamentario da lei para devolver o cen por cen das cantidades estafadas
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu hoxe a Proposición de Lei destinada á devolución integra do valor das participacións preferentes, outros híbridos de capital e débeda subordinada aos aforradores e pequenos inversores sen experiencia financeira.
O Partido popular apoiou o texto lexislativo do BNG que agora continuará o seu trámite parlamentario co fin de resolver a situación do amplo colectivo de galegos e galegas afectad@s polas preferentes.
Apoio unánime no Parlamento galego ao primeiro chanzo da reforma da Lei de reestrutación das entidades de crédito
O portavoz do BNG amosou a súa satisfacción polo apoio unánime á proposta nacionalista e advertiu que agora o PP debe demostrar vontade política para reformar a Lei 9/2012 de reestruturación de entidades de crédito co fin de garantir a devolución integra das participacións preferentes e outros híbridos de capital e débeda subordinada.
O deputado, tras dar a benvida á Cámara galega aos membros de diferentes plataformas de afectad@s , asegurou que, é necesario que o Parlamento galego tome a iniciativa e traslade a proposta de modificación da Lei para restaurar as cantidades integras estafadas.
O nacionalista reclamou que o FROB revise, no prazo de dous meses, a norma da quita que impide a restitución do resto dos cartos canxeados por accións do banco. Os estafados, dixo, contribuirán á forza a rescatar os bancos que os estafaron.
Drama persoal detrás de cada estafad@
Jorquera lembrou que 85.000 aforradores foron estafados en Galiza por un importe de 1.819 millóns de euros, cifra que agochan verdadeiros dramas e relatou varios casos de afectados entre os que destacou a dun traballador que tras aforrar todas as horas extras ao longo da súa vida laboral foi estafado ao igual que muller dedicada a limpeza en Suíza á que lle foron espoliados tamén os aforros de toda unha vida.
Roubar ao pobo para salvar á Banca
O parlamentario indicou que as participacións preferentes foron escollidas polos Bancos a comezo da crise financeira botando man dos aforros dos seu clientes a través dun engano masivo recoñecido mesmo polo Ministro De Guindos.
Jorquera reprobou que tras a estafa fora establecida unha quita e descontos considerables nas negociacións do Memorando no que Rajoy e De Guindos aceptaron que os aforradores asumiran os problemas de financiamento da Banca.
O deputado denunciou que os contidos do Memorando non foran remitidos aos Parlamentos do Estado para seren debatidos e afirmou que a ausencia de soberanía conduce a ausencia de democracia.
O Sr. Feijóo como presidente do Partido popular e da Xunta de Galiza, engadiu, ten a oportunidade de defender os intereses dos e das galegas afectad@s, e esta tarde, no Congreso dos deputados será debatida outra iniciativa do BNG na mesma liña da defendida no Parlamento galego e entón comprobaremos cal será o voto do Partido popular.
O BNG retou ao PP a posicionarse cos estafados ou ao lado dos estafadores
A última vez que fixemos esta demanda, explicou, o PP díxonos que xa venceran os prazos despois de que Rajoy e De Guindos aceptarán a quita, logo os deputados galegos en Madrid votaron a favor dos descontos e posteriormente, a Xunta non quixo recorrer a norma dunha lei que prexudica gravemente a miles de estafaf@s en Galiza.
Na sesión plenaria , Jorquera retou ao PP a demostrar estar en contra da quita votando a favor da iniciativa nacionalista hoxe no Parlamento galego e pola tarde no Congreso, concluíu.