O portavoz nacional, Xavier Vence, chamou a atención sobre a incoherencia do presidente da Xunta que apoia a estratexia do PP de recortar a educación pública cunha lei privatizadora e clasista como a LOMCE é ao tempo atribúa as altas taxas de paro xuvenil a unha deficiente formacións da xente nova.
Neste sentido, o Plan de emprego xuvenil aprobado hoxe co que se pretende beneficiar a 95.000 mozos e mozas menores de 30 anos foi definido por Vence coma unha operación de maquillaxe que consiste en facer contratos de formación ou en prácticas a xente nova durante apenas uns meses para que deixen de figurar nas listas do desemprego, ás que volverán pasado ese breve período de tempo, posto que a política de recortes do PP seguirá afogando a recuperación económica e a creación de posto de traballo.
En definitiva, o obxectivo non é crear emprego senón para baixar puntualmente as cifras de desemprego xuvenil, que acada o 52% entre os menores de 30 anos, con fins electorais, posto que a medida se adopta a tres meses dos comicios europeos de maio. As persoas en formación non computan no paro o que permite recortar por esta vía a taxa de paro na mocidade xusto antes das eleccións, explicou
Vence fixo esta valoración do plan aprobado por Feijóo no Consello da Xunta ao tempo que apoiaba a manifestación estudantil convocada contra a Lei Wert. Ás políticas de recorte do PP non deixan marxe para a xente nova, argumentou, con taxas de paro inasumibles e unha emigración masiva da mocidade galega desde o inicio da crise, situación que se agravará coa LOMCE, unha lei educativa que cualifica de clasista, retrógrada, privatizadora e inconstitucional.
Precisamente, o BNG reclama á Xunta que leve ante o Tribunal Constitucional esta lei inconstitucional porque invade as competencias do Estatuto de Autonomía que recoñece competencias plenas en Educación e, ao mesmo tempo, propón que o Pleno do Parlamento debata esta cuestión cunha proposición non de lei, para que tamén haxa un pronunciamento desde esta instancia.
A LOMCE vai afectar dun xeito moi grave aos fillos e fillas das clases populares que terán máis difícil chegar á universidade, concluíu Vence, na manifestación convocada polas organización de estudantes baixo o lema Érguete por un ensino público e galego.
Enérxica condena
O BNG reitera a súa enérxica condena aos actos vandálicos cometidos por unha minoría na manifestación convocada en Compostela, actos vandálicos que, ademais de inxustificables, supoñen unha falta de respecto e unha mostra de intolerancia coa inmensa maioría dos estudantes e do resto dos participantes na manifestación que, dun xeito pacífico, expresaban o seu desacordo na rúa contra a LOMCE e en defensa dunha educación pública, gratuíta, universal e de calidade para todos e todas.
O BNG lamenta que as xustas reivindicacións dos e das estudantes galegas podan verse prexudicadas pola actitude pouco democrática e vandálica dunha minoría, que está moi lonxe de reflectir os valores reivindicativos dos mozos e mozas que se expresaban pacificamente na manifestación celebrada en Compostela.