O deputado do G.P do BNG, Bieito Lobeira, esixirá explicacións na Mesa do Parlamento e demandará unha rectificación da Consellería de Pesca por ter remitido hoxe un suposto acordo conxunto das tres forzas sobre a postura de Galiza ante a proposta de reforma pesqueira da UE (PCP, política de pesca común)
Bieito Lobeira cualifica de gravísimo e de feito sen precedentes que o Goberno, malia coñecer a vontade explícita do BNG de non participar nesa proposta conxunta e abandonar o grupo de traballo que a estaba redactando, remita á Cámara un texto supostamente consensuado.
Discrepancias con PP e PSdeG
Lobeira explica que o BNG manifestou no grupo de traballo o seu rexeitamento a dito texto por discrepar con PP e PSdeG sobre o papel da acuicultura industrial, sobre as cuotas transferidas (privatización de acceso aos recursos), sobre a capacidade de decisión política de Galiza e sobre distintas melloras sociais, entre outros aspectos.
Rachamos calquera interlocución coa consellería e co grupo do PP mentres non se dea esa rectificación e levaremos o asunto á Mesa do Parlamento
Estas discrepancias obrigaron ao grupo nacionalista a decidir abandonar a equipa de traballo e seguir defendendo diante do sector unha alternativa diferenciada, verdadeiramente acaída coas súas necesidades e demandas.
Pesca minte
Para o deputado do BNG, a consellería esta a demostrar coa súa actitude que minte, que non ten palabra nin é de fiar, o que, na súa opinión, cobra maior gravidade cando se fala dunha institución, dun goberno, pois significa atentar contra principios básicos da democracia.
Neste contexto, Bieito Lobeira considera que o BNG non pode seguir dialogando coa consellería e racha calquer interlocución tanto con Pesca como co grupo do PP mentres non se dea a dita rectificación e disculpas públicas polo acontencido.