Persecución, multas e represión de Gobernos do PP a militantes do BNG

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que, parello á aplicación das medidas agresivas dos gobernos do PP, nos últimos tempos estase a detectar a posta en marcha de accións de represión contra as persoas que lles fan fronte, nomeadamente, militantes da formación frontista. Os nacionalistas critican este xeito fascista que ten o Goberno do PP de resolver os conflitos sociais, con multas, presecución e represión, no canto de utilizar o diálogo e a negociación para chegar a solucións.

Neste contexto, a Executiva Nacional do BNG amosa o seu apoio e solidariedade coa militancia nacionalista represaliada e multada por defender a coherencia. Estas persoas, sinala a Executiva Nacional, son un exemplo máis de que o BNG está co pobo que sofre, aí onde se lle precisa, sen complexos nin medo ás consecuencias. Deste xeito, a Executiva Nacional do BNG recoñécelles o seu traballo exemplar ás persoas militantes que sufriron a represión da dereita máis recalcitrante que goberna desde as distintas administracións.

O BNG anuncia que lle pedirá explicacións ao Ministerio do Interior, a través das correspondentes iniciativas nas Cortes do Estado, polo uso da represión e do amedrentamento da Policía á hora de atallar as protestas lexítimas no caso de conflitos sociais. Ademais, volverá reclamar a dimisión do delegado do Goberno, Samuel Juárez, que ten especial querencia pola vía represiva e non polo diálogo. Pedirán, de novo, os nacionalistas a eliminación da Delegación do Goberno en Galiza, unha institución comecartos que non ten outra función que a de reprimir a cidadanía que lle fai fronte ás políticas de asfixia social do Partido Popular.

O BNG condena o uso da forza de coerción por parte de Goberno contra persoas que protestan contra medidas sociais moi inxustas, como os desafiuzamentos, a fraude das preferentes ou a reforma laboral, que teñen a súa raíz no apoio sen fisuras que os gobernos lle dan ao capitalismo financeiro e aos oligopolios. Sufriron a represión do PP:

  • Francisco Jorquera (portavoz do BNG no Parlamento de Galiza) e Xosé Manuel Carril (portavoz do BNG no Concello da Coruña), denunciados xunto outros veciños e veciñas da Coruña por participaren nas mobilizacións cidadás que evitaron o desafiuzamento da octoxenaria Aurelia Rey.
  • Néstor Rego e Saleta Chao, membros da Executiva Nacional do BNG, multados por participaren nas mobilizacións da última Folga Xeral. Recibiron recentemente as notificacións gobernamentais.
  • 6 militantes de Galiza Nova multados por participaren en mobilizacións estudantís, que se suman ás doutros 13 mozas e mozos.
  • Afectados polas preferentes, algúns militantes do BNG, acusados de desordes graves.

¶  Activistas sindicais, algúns militantes do BNG, por participaren en diversos conflitos laborais na defensa do emprego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG