A deputada lembrou que foron 1.500 postos de traballo reducidos como consecuencia da amortización e por falta de contratacións
A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Administración Xeral sobre as consecuencias nos servizos públicos por mor do deterioro das condicións laborais do persoal laboral da Xunta de Galiza.
A parlamentaria, tras a intervención do director xeral de Función Pública, puntualizou que o persoal das Galiñas Azuis non son persoal da Xunta , e eu, dixo, falei na miña intervención da aplicación do artigo 19 do convenio colectivo de persoal laboral único da Xunta de Galiza, non veñan aquí a tomarnos o pelo e sexan rigorosos.
Tereixa Paz lembrou tamén que o artigo mencionado tampouco é de aplicación ao persoal do Consorcio. Estamos referíndonos, recalcou, ao persoal que atinxe á Consellería de Traballo e Benestar, o persoal afectado polo artigo 19 fundamentalmente en centros de maiores, centros da 3ª Idade, Residencias da 3º Idade e Residencias de Menores.
A deputada lembrou que estes centros están abertos as 24 horas durante sete días a semana, polo que preguntou ao director xeral se podía afirmar se é falso que das 1.665 horas anuais que establece o convenio de xornada máxima para persoal da Xunta, no caso dos traballadores da consellería este computo está máis que ultrapasado en só 11 meses e se tampouco é certo que o colectivo de traballadores demandan días libres para recuperarse cando se reincorporan ao seu traballo para atender adecuadamente ás persoas. Cómo xustifica senón que a Mutua incrementara nun 60% as baixas por sobrecarga de traballo dos traballadores desta consellería, preguntou.
A nacionalista lamentou que o director xeral de Función Pública non expresara un compromiso real para resolver as demandas dos traballadores despois de afirmar que non se vai a restrinxir a aplicación da lei do 2012 da Xunta. Para a deputada, a resposta do responsable de Función Publica constata que a famosa recuperación económica da que fala o PP non é certa e a Xunta non ten intención de revisar esta lei para combater o deterioro das condicións laborais do persoal dos devanditos servizos, concluíu.
Na mesma comisión a deputada Tereixa Paz formulou outra pregunta sobre as previsións do Goberno para a elaboración dun regulamento dos bombeiros que homoxeinice as condicións de acceso, formación e prestacións de servizos dos bomberios públicos e privatizados.
O director de Emerxencias respondeu á deputada que a Xunta ten previsto iniciar as negociación en canto se formalice a constitución do Consorcio provincial de Ourense, anunciou sobre o que a deputada esixiu premura e incluír a efectiva participación dos representantes de todos os colectivos de traballadores.
A deputada recalcou que o BNG seguirá defendendo o carácter público deste servizo.