É evidente que o Estado español está nun proceso de descomposición política avanzada que afecta á maioría do entramado institucional, a comezar pola propia Coroa española e continuando polo Goberno español, con casos de corrupción no Partido Popular que se estenden e reproducen tamén no Goberno galego; e afecta tamén á saúde do bipartidismo inerente ao funcionamento dun sistema político corrupto.
España é un problema para Galiza, un estado autonómico fraudulento, de españolismo excluínte que ten consecuencias para a sociedade galega, derivadas dese modelo de estado e dunha Unión Europea construída ao servizo do capital; un lastre histórico do que nos temos que libertar se pretendemos ter futuro.
Na nosa nación, negada e anulada, dependente no político, atacada no lingu?ístico, forzada no cultural e espoliada no económico, a resposta ou é nacionalista, ou non é. Xa o dicía Celso Emilio Ferreiro Non virá de fóra remedio ou esperanza. O noso, témolo que defender nós, porque o que temos, conquistámolo nós. Os partidos españois non son máis que expresións políticas da propia España que nos nega.
Se acreditamos realmente no noso pobo e nas súas aspiracións de soberanía, se nos proclama-mos coerentemente nacionalistas, se cremos que o pobo galego é suxeito político de seu, que se pode valer por si mesmo, e tomar libremente as súas propias decisións, será lóxico concluir que a solución pasa pola autoorganización do pobo galego, polo nacionalismo consecuente.
Precisamos Soberanía non só para defender a nosa lingua, a nosa cultura, os nosos sinais de identidade, senón tamén para romper cos mercados e rescatar a democracia secuestrada polos poderes económicos e os lobbys, recuperar o poder do pobo sobre a economía, para garantir un futuro con emprego e mellores condicións de vida para todos e todas. En definitiva, precisamos soberanía para defender as conquistas sociais.
Precisamos eleccións anticipadas, en Galiza e no Estado Español, para rescatar a demo-cracia secuestrada polos corruptos centralistas, para darlle a oportunidade á cidadanía de limpar as institucións, recuperar poder de decisión e enxergar políticas para saír da crise.
Cómpre poñernos de pé e erguer o país. E para comezar esa andaina o BNG convoca a todos os galegos e galegas a unha grande mobilización o 15 de setembro ás 12 h desde a alameda de Compostela. Polo futuro. Polo emprego. Contra o espolio financeiro de NGB e do país. Contra a co-rrupción, Pola democracia e a Soberanía.