O BNG anima a participar na Marcha polos Dereitos Humanos no Sáhara Occidental, convocada pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que sairá este sábado ás 9:00 do Campo do Souto (Padrón) e rematará arredor das 14:00 horas na praza de Praterías de Santiago de Compostela, onde está prevista a lectura dun manifesto.
Na marcha participarán Goretti Sanmartín e Montserrat Prado, da Executiva do BNG, a candidata ás europeas, Ana Miranda, así como militantes e simpatizantes da formación nacionalista, entre outras persoas.
O BNG apoia a loita polo dereito de autodeterminación saharauí, pola súa liberdade e pola paz. Entre as reivindicacións que secunda a formación nacionalista, figura a ampliación das competencias da Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental que, ademais de lle dar cumprimento á resolución da ONU e de garantir o dereito do pobo saharauí á autodeterminación, estea facultada para denunciar diante da comunidade internacional as agresións aos dereitos humanos durante os anos de sometemento ao poder marroquí.
Así mesmo, o BNG denuncia a pasividade do Estado Español que elude as súas responsabilidades na solución do conflito, derivadas da súa condición de administración colonial no momento da ocupación marroquí do Sáhara. Aínda despois de se teren asinado os Acordos de Madrid, a responsabilidade administrativa sobre a ex-colonia correspóndelle ao Estado, que durante máis de 30 anos, ignorou as reivindicacións do pobo saharauí e mais as continuas agresións que está a sofrer durante a ocupación marroquí e actúa como un mero observador.
Para o BNG, a descolonización do Sáhara é un problema enquistado que precisa de esforzos políticos para a súa resolución, que pasan pola atención humanitaria, pola vixilancia e pola denuncia dos organismos internacionais perante a conculcación dos dereitos humanos que padecen as persoas saharauís. Finalmente, o BNG expresa a súa adhesión ao dereito de autodeterminación como vía para que os pobos podan decidir libremente sobre o seu destino. Tanto no caso galego como no saharauí, as institucións internacionais e os actores implicados respectar a súa aplicación e crear as condicións necesarias para que os pobos podan exercer soberanamente este dereito básico e democrático.