Galiza está xa a padecer recortes na oferta de RENFE Media Distancia, coa eliminación de estacións e apeadeiros, a negativa a instalar nas áreas urbanas do país o servizo de proximidades e a progresiva concreción do proceso de privatización e liberalización de infraestruturas, material e servizos, pautado a nivel europeo e executado de maneira entusiasta polo goberno estatal. O resultado final é o desmantelamento de infraestruturas e servizos.
O BNG estivo e está a prol dunha rede ferroviaria, compatíbel para persoas viaxeiras e mercadorías, con dupla vía e electrificada, que prime a mobilidade interior, con conexións axeitadas con Portugal e España.
Moi ao contrario, o deseño aplicado está concibido coa obsesión de conectar Galiza con Madrid. Gastouse xa e vaise gastar tres veces máis diñeiro no territorio da Galiza para esta finalidade que no Eixo Atlántico Vigo-A Coruña no seu conxunto. Ferrol, que forma parte do Eixo, ficou á marxe, sen modernización de ningún tipo e baixo ameaza de non ter media distancia á Coruña e só cun servizo a Madrid, vía A Coruña. A Coruña-Lugo-Monforte ficou tamén á marxe, aínda que cun estado da infraestrutura convencional algo mellor, mais ameazado de perder os servizos de media distancia que ten. Vigo-Ourense, pola infraestrutura convencional, á beira do Miño, tamén ficou á marxe, coa ameaza de redución drástica (os trens a Madrid desde Pontevedra e Vigo irán polo Eixo Atlántico, -dupla vía e electrificación, velocidades máximas de 220 hm/h, e medias de 150/180- até Santiago, de aquí a Ourense pola liña de alta velocidade). O ramal Santiago-Ourense é o troncal do AVE na Galiza, que continúa desde Ourense até Puebla de Seabra e Zamora, cando remate de facerse no 2018. En consecuencia, a liña convencional Santiago-Ourense fica morta, sen uso practicamente, pois a duración da viaxe Santiago-Ourense por Avant é 30 minutos e nos media distancia pola liña convencional dúas horas. O problema é para O Carballiño que queda descolgado da media e da longa distancia, pois os Avant e os trens a Madrid van pola liña do AVE.
As consecuencias máis graves e o abandono máis efectivo vai ser para A Coruña-Ferrol coa infraestrutura de hai cen anos e eliminando servizos. Vigo-Ourense, coas poboacións intermedias, polo Miño, si se seguirá usando para mercadorías, mais do que queren eliminar servizos de media distancia. A Coruña-Lugo-Monforte quedará con servizos de longa distancia a Madrid e Barcelona, mais coa posibilidade de perder un dos dous de media distancia que ten. Monforte-Barco de Valdeorras seguirá só cos trens de longa distancia (Madrid e Barcelona ou Euskadi) que queden por esa vía, mentres non rematen o AVE Ourense-Puebla da Seabra.
Cómpre demandarmos, máis unha vez, que a Xunta de Galiza asuma todos os servizos en materia de ferrocarril interior.
O BNG concibe os camiños de ferro como
1. Elemento de cohesión e vertebración social
2. Factor de dinamización e equilibrio demográfico
3. Servizo público básico e universal, economicamente sustentábel
4. Transporte de granel e non perecedoiros máis eficiente
5. Medio de transporte máis respectuoso co medio ambiente
6. Elemento central dun sistema nacional de transporte intermodal e complementario
7. Fonte de emprego de calidade
Para lograrmos iso cómpre articular:
1. Un ferrocarril mixto, para pasaxeiros e mercadorías
2. Que a Xunta asuma as liñas deficitarias para viaxeiros/as
3. A creación dunha operadora ferroviaria pública galega
4. O mantemento e aumento de liñas, frecuencias e paradas e a creación de novos apeadeiros en zonas de crecemento poboacional
5. A instalación dos servizos de proximidades en Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol
6. A plena electrificación das vías
7. O non alleamento do patrimonio público ferroviario e a posta en valor das instalacións existentes
8. O mantemento e desenvolvemento dos talleres e actividades auxiliares existentes na Galiza, así como a creación de módulos de Formación Profesional vinculados á actividade ferroviaria
9. A potenciación das mercadorías
10. A realización de ramais ferroviarios eternamente proxectados e as conexións coas terminais aeroportuarias.