O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, acusa a Feijóo de ter unha atitude de pasividade inaceitábel ante o futuro de Novagaliciabanco.
Feijóo afirmou hoxe en Madrid que agarda que Novagaliciabanco aguante a que cualificou de treboada provocada por Bankia.
O presidente da Xunta colócase nunha atitude de agardar e ver. Nin toma ningunha iniciativa nin formula ningunha proposta. Esta atitude é dunha pasividade inaceitábel, considera o candidato nacionalista.
Espolio do aforro galego
Para Jorquera, a estratexia de Feijóo visa preparar o terreno para a opinión pública galega asumir como inevitábel que Novagaliciabanco desapareza como entidade galega, ou ben pola vía da toma de control por parte de capital internacional, basicamente norteamericano, ou ben pola vía da súa absorción por parte dun grande banco español. Calquer das dúas opcións significaría o espolio do aforro galego a prezo de saldo, remarcou.
Feijóo limítase a preparar á opinión pública para que asuma como inevitábel o espolio do aforro galego
A irresponsabilidade de Feijóo é manifesta, afirma Jorquera, tendo en conta ademais que foi el quen selou o futuro da caixa resultante da fusión ao autorizar a súa conversión en banco nunhas condicións enormemente desfavorábeis.
Jorquera opuxo á indolencia de Feijóo as propostas e alternativas do BNG. O BNG si ten formulado propostas para garantir a continuidade do sistema financeiro galego. E teno feito en diálogo aberto coa sociedade. Así continuaremos, mantendo contactos e reunións cos distintos axentes sociais e económcicos do País, afirmou, certo de que a proposta nacionalista de criación dunha Banca Pública Galega vai gañando día a día novos apoios sociais.