A deputada, Montse Prado reclamou, a través dunha proposición non de lei, información dos criterios para o traslado ao novo Hospital e como afectarán á asistencia sanitaria na EOXI de Vigo
A deputada do BNG, Montse Prado reclamou hoxe, na Comisión de sanidade, a publicación inmediata da dotación de servizos e cadro de persoal do novo Hospital de Vigo así como a información sobre os criterios para o traslado ao centro e as consecuencias que provocará na asistencia sanitaria na EOXI de Vigo.
A deputada lembrou que nunha anterior Comisión, o BNG xa solicitou esta información sen que polo momento se producira nada máis que anuncios e inconcrecións de aí que hoxe, dixo, volvamos a preguntar por estas cuestións. O mínimo que debe facer un goberno transparente é facilitar ao Parlamento e aos profesionais da Área sanitaria de Vigo esta información.
No pasado pleno, engadiu a deputada, o portavoz do Partido popular anunciou a posta en marcha do novo Hospital de Vigo, e Núñez Feijóo afirmou publicamente que no primeiro semestre do 2015 iniciarase a actividade no Hospital. Resulta escandaloso que a estas alturas descoñezamos con que medios e cadro de persoal vai contar o novo centro e que a Consellería se negue sistematicamente a publicar esta reclamación, a que ten medo o Partido popular para ocultar o que estamos reclamando, preguntou Prado.
Por outra parte, a deputada tamén se referiu á alarma causada pola privatización do centro, os recortes nos módulos, camas e equipamentos así como a eliminación dun laboratorio central e o desplifarro de recursos públicos cun canon de 70 millóns anuais que pasan a ser 1.400 millóns de euros fronte os 350 previstos , ademais do incumprimento dos prazos previstos para a súa posta en marcha.
Se non eran poucas esas alarmas,abondou, agora temos que sumar, opacidade, escurantismo e falta de información da foto actual e a foto final. Para o BNG, remarcou, a consellería demostra unha total incapacidade para xestionar con racionalidade o novo Hospital de Vigo.
Pola súa parte, o portavoz do PP, Miguel Santalices asegurou que se están a cumprir as previsións e ante o traslado que xa está programado estamos falando co persoal.
Na réplica, a deputada volveu preguntar a que lle ten medo o Partido popular para negarse a informar sobre os prazos e os servizos do Hospital e como se empregan os cartos públicos.