Montse Prado acusa á Xunta de utilizar a lei no seu beneficio e modificala para beneficiar empresas

A Xunta confirma ao BNG que instalará o Parque eólico "Pedras Negras" na Comarca do Morrazo, a pesar do "negativo impacto ambiental" e  contestación social contra o proxecto

A deputada nacionalista, Montse Prado indicou que a instalación provocará   importantes prexuizos para as persoas vinculadas ao aproveitamento do monte e criticou o "dobre raseiro" da Xunta de Galiza á hora de cumprir a lei

Na súa intervención, a nacionalista lembrou a resposta social contra a intención da Xunta de instalar o parque eólico polo “severo impacto” nunha zona considerada todo un referente de riqueza patrimonial, natural e paisaxística.

Asemade, Prado salientou os “graves prexuízos” que provocará esta instalación para todas aqueles colectivos e persoas vinculadas ao aproveitamento do monte.

A deputada explicou que o proxecto contempla instalar 14 aeroxeradores cunha altura de 120m e 12 metros de diámetro nas pás, “unha envergadura importante” que sen dúbida, dixo, provocará “un impacto negativo” na zona que deberá soportar 17 qm de víal de acceso, zanxas e a construción dunha subestación eléctrica.

A este proxecto, dixo, hai que engadiu a posibilidade de engadir no futuro 18 aeroxeradores máis situados en Bueu e Cotorredondo.

Na súa intervención, Prado salientou a “grande resposta social” da comarca do Morrazo contra esta instalación que ameaza espazos naturais, arqueolóxicos e a actividade forestal e gandeira, “todas as comunidades de montes”, afirmou, responderon de maneira unánime contra o proxecto e en defensa dos montes en man común.

A Xunta confirma a instalación do parque

Trala intervención da nacionalista, o director de Industria, Bernardo Tahoces confirmou que a Xunta seguirá adiante co proxecto ao que a parlamentaria do BNG respondeu que é necesario manter os recursos naturais e sociais da zona e non limitarse, como fai a Xunta “a beneficiar os intereses de determinada empresa” polo que pediu unha avaliación do proxecto sobre “os aspectos destrutivos” da instalación eólica porque o proxecto, dixo “non se xustifica” desde ningún punto de vista, “nin ambiental, nin económico nin socialmente.”

Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces confirmou que a instalación do parque eólico será unha realidade e avanzou que cumprirá a fase prevista pola Xunta de Galiza porque segue o proceso de tramitación administrativa pertinente, “se está a cumprir a lei, nin máis nin menos” concluíu.

A Xunta cumpre a lei para os parques eólicos pero a modifica para seguir mantendo a ENCE

A deputada criticou “o dobre raseiro” da Xunta de Galiza por utilizar “a lei” para instalar parques eólicos, a pesar da súa agresividade contra o medio ambiente” e non facer o mesmo coas sentencias que prohiben a segregación  do alumnado nos centros concertados, o decreto do plurilingüismo ou “modificar a lei para prorrogar o asentamento de ENCE na ría de Pontevedra”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG