Montse Prado acusa á Xunta de "deixar morrer o comercio galego"

A deputada do BNG cualificou de “desolador” constatar que cada día “cerran máis comercios” nas vilas galegas

Montse Prado formulou unha pregunta ao Goberno sobre as previsión da Xunta ante a “perda continuada” de postos de traballo e caída de vendas no sector do pequeno comercio en Galiza.

Na súa intervención, a deputada amosou a súa “indignación” ante o diagnóstico realizado polo conselleiro de Industria sobre o sector do comercio galego e convidouno a trasladar “persoalmente” ao sector as súas afirmacións relativas a que “o comercio galego está mellor que noutras partes do Estado”.

A deputada lamentou a resposta do conselleiro e dixo que resulta “desolador” constatar como día a día se incrementan nos establecementos comerciais os carteis de “alúgase, traspasase ou cerrase”.

Para a deputada, tamén resulta “desolador” comprobar que o Goberno galego “deixa morrer o noso comercio” e mantén unha postura de “desleixo” ante un sector que padece moi negativamente as políticas do goberno galego e central. “As consecuencias da falta de consumo” son produto, dixo, dos 300.000 parados e paradas en Galiza e de miles de persoas que non cobran ningunha prestación e dos fogares nos que non entra “nin un só euro”.

A deputada sumou a esta situación, a eliminación das pagas extras e a redución de salarios, “medidas dixo, aplicadas polo Partido popular e que están conducindo “á ruína” ao noso comercio.

Prado rexeitou as afirmacións do conselleiro de Industria relativas “ás medidas para mellorar ao sector” e advertiu que esas medidas non son eficaces por incidir na “falta de crédito”, vostedes, dixo, son os responsables da eliminación do sistema financeiro galego e en consonancia a supresión de liñas de finanzamento para o comercio.

A parlamentaria acusou a Conde de “acatar as ordes que proveñen de Madrid e desertar da súa función” e cualificou de “fraude” ao Goberno galego por non exercer as súas competencias nesta materia e contribuír á “recentralización do Estado e baleirar de competencias a Galiza”.

A nacionalista concluíu reprochando á Xunta “asumir con entusiasmo” medidas lesivas para Galiza e contra a revitalización do pequeno comercio galego.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG