A deputada defendeu unha Proposición non de lei destinada a retirar o Proxecto de Lei de Inspección de Traballo porque imposibilita a transferencia a Galiza desta competencia
Pleno.- A deputada do BNG, Montse Prado lamentou hoxe o voto en contra do Partido popular da proposición non de lei nacionalista destinada a iniciar un proceso de dialogo e negociación co Goberno do Estado para transferir as competencias en materia de traballo ante a tramitación no Congreso dos deputados do Proxecto de Lei que ordenará a Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Tras a intervención do deputado do Partido popular, Miguel Tellado que anunciou o voto en contra á iniciativa do BNG por considerar que a competencia exercida polo Goberno do Estado non ten por que ser menos eficiente que a exercida polo Goberno galego, a parlamentaria reiterou que o proxecto de lei limita as competencias autónomas.
O que pide o BNG con esta iniciativa, afirmou, é que nos responsabilicemos e que os traballadores e traballadoras de Galiza conten con instrumentos para actuar diante do problema grave do paro e a mala calidade do emprego.
Ante esta grave situación, o Partido popular, dixo, segue apelando a máis España e menos Galiza ese é o marco ao que vostedes queren ir e están impedindo que Galiza poda ter control sobre o mercado laboral, e dentro dese control, a Inspección de Traballo é fundamental para o benestar dos traballadores e traballadoras, para a proteccións do emprego, loitar contra a fraude, as desigualdades e discriminacións e a sinistrabilidade laboral.
Vostedes, reiterou, non queren asumir competencias nin mover un dedo para que Galiza poda exercer de Goberno de Galiza, algo que por outra parte, remarcou, vai en consonancia co que levan feito na anterior lexislatura e na actual.
Finalmente, a deputada volveu lamentar estar ante un Goberno que non esixe ningunha competencia e permite que, un día si e outro tamén, o Goberno español limite as que xa temos e imposibilite novas demandas compentenciais.
Nós reivindicamos o dereito a decidir de Galiza, defender máis soberanía para as cousas de comer con instrumentos para defender un traballo digno que significa tamén falar das cousas de comer pero o Partido popular está totalmente en contra de que o Goberno galego conte con estes instrumentos, concluíu.