A deputada, Montse Prado formulou unha pregunta ao director xeral da CTVG sobre a cobertura informativa da comparecencia do Presidente da Xunta para explicar a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado, información que cualificou de parcial e sen obxectividade.
A través dunha pregunta parlamentaria en comisión ao director xeral da CRTVG, a nacionalista considerou que a cobertura informativa da comparecencia do Presidente da Xunta para explicar a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado, non foi neutral nin a que esperaban miles de galegos e galegas.
Para Prado, a comparecencia de Núñez Feijóo levantou grande expectación social, sen embargo, a TVG non realizou un tratamento adecuado con criterio informativo e respectando os tempos dos voceiros dos grupos parlamentarios.
A deputada tamén denunciou que as fotos de Feijóo con Marcial Dorado desapareceran deste medio público aos dous días de saltar a noticia cando noutras ocasións, inquiriu, a TVG repite imaxes e informacións da oposición con escaso valor informativo.
Prado afirmou que a cobertura informativa da comparecencia de Feijóo respondeu aos intereses do Partido popular e mesmo incidindo reiteradamente na descualificación dos voceiros dos portavoces da oposición, ao seu xuízo, esa cobertura non reflexou o que estaba acontecendo na comparecencia.
A TVG oculta as fotos de Feijóo con Marcial Dorado no iate
Ademais, recriminou que a TVG non fixera referencia algunha sobre a negativa do Presidente da Xunta a responder ás preguntas formuladas polos grupos da oposición sobre a verdadeira relación que o unía ao narcotraficante Marcial Dorado, as viaxes que realizaron xuntos e as facturas e contratos de Marcial Dorado coa Administración galega cando Feijóo xa era un destacado membro da Xunta.
A TVG non escatima esforzos para retransmitir en directo actos relixiosos ou políticos que favorecen ao Partido popular, dixo, pero non fai o mesmo coa información parlamentaria e as preguntas que formulan grupos da oposición.
Prado afirmou que a liña informativa da TVG non responde á realidade política de Galiza e reiterou que a manipulación informativa inflúe en grande medida na caída de audiencia, os galegos e galegas queren estar informados e a TVG empeñase en furtar este dereito nun medio que pagamos tod@as.
Por outra parte, na mesma comisión a parlamentaria formulou outra pregunta sobre as medidas previstas pola CRTVG para frear a caída da audiencia rexistrada no primeiro trimestre que achacou ao tratamento informativo e recortes no medio público, extremo que o director do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo negou na súa intervención.