O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, solicitou hoxe a comparecencia do Ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, para que acuda á Cámara a aclarar se o Goberno vai aumentar o IVE dalgúns produtos.
Jorquera alude ás informacións que indican que Montoro estaría a estudar a posibilidade de incrementar o IVE para que algúns productos cun tipo de IVE superreducido, ao 4%, pasen ao tipo do 8%, e os que teñen un IVE do 8% poidan pasar ao do 18%.
O portavoz do BNG lembra que tanto na campaña electoral das eleccións xerais, como nos meses que o PP leva no Goberno central, sempre negou un incremento do IVE. De igual xeito se opuxo á suba do IVE nun punto porcentual cando gobernaba o PSOE, e incluso destacadas Presidentas de CC.AA realizaron unha campaña en contra do aumento deste imposto indirecto.
Medida negativa para as maiorías sociais e sectores como a hostelaría
Máis, as presións da UE e do FMI requerindo ao Estado español que proceda a incrementar o IVE, parecen ter efecto porque a pesar da postura que ten o PP, é sabido que o Ministerio de Facenda está a analizar a posibilidade de incrementar o IVE en productos de primeira necesidade. Neste sentido, lembra que ao tipo do 8% están a maioría dos alimentos, artículos sanitarios, transporte terrestre de viaxeiros e equipaxes e aéreo e marítimo, e a maioría dos servizos de hostalaría. Tamén están suxeitos ao gravamen intermedio do IVE as entradas a espectáculos culturais.
Ao tipo superreducido do 4% están suxeitos os productos de primeira necesidade como o pan, o leite, os ovos, as froitas e as verduras, así como libros, periódicos, revistas e medicamentos.
Jorquera denuncia que o aumento do IVE en produtos de primeira necesidade é aplicar un considerábel aumento dos prezos de maneira universal, sen distinción de rendas, de ingresos ou de clase social. Afectará a todos por igual, ricos e clases sociais más desfavorecidas. Sen esquecer o impacto negativo en sectores económicos tan importantes como a hostalaría.
O deputado do BNG sinala que con esta medida o Goberno opta por unha medida fiscal inxusta e contraproducente para favorecer a recuperación económica porque non impulsará o consumo. Estas son as razóns polas que o portavoz nacionalista tamén dirixiu unha serie de preguntas a Montoro, sobre todo para demandarlle que aclare este tema e renuncie a aplicar unha suba do IVE.