O modelo do PP é o do compromiso co negocio do ensino privado

A portavoz de educación do BNG, denunciou “o avance” de recortes no ensino público entre os que salientou o “repago” dos comedores escolares e a redución de medios materiais e humanos

O portavoz de educación do BNG, Cosme Pombo volveu denunciar hoxe, trala comparecencia do director xeral de Educación e Cultura en comisión parlamentaria, que o Partido popular avoga “por un modelo de compromiso co negocio no ensino privado e concertado e o deterioro constante do ensino público”.

Na súa intervención, Pombo considerou que a comparecencia do responsable da Xunta debería ter como obxectivo “a defensa do ensino público” sen embargo, dixo, unha vez máis constatamos que os orzamentos do 2013 ao igual que o pasado ano “reflicten máis recortes e deterioro do ensino público en Galiza.

O PP avoga por un sistema educativo neoliberal

O nacionalista, indicou que o modelo educativo do Partido popular é “ neoliberal, elitista e clasista”.

Neste sentido, manifestou que “o PP liquidou todos os avances conseguidos antes do 2009” como a gratuidade dos libros de texto, extensión de comedores escolares, impulso á normalización lingüística, ampliación de cadro de persoal e melloras para o profesorado.

O parlamentario asegurou que a política educativa galega sostense nos orzamentos, “a redución de 153 millóns de euros no ano 2013 e no 2009 un recorte do 32 por cento e 660 millóns de euros menos” representan “un novo ataque ao ensino público galego”.

O PP emprega fondos públicos en centros que segregan ao alumnado

O PP pecha unidades educativas, engadiu pero apoia con fondos públicos centros que segregan ao alumnado “incumprindo a propia LOE” que establece que non pode existir ningún caso de discriminación ou educación sexista por razón de “raza, sexo, relixión ou opinión”.

O deputado fixo fincapé na sentenza do TSXG contra a segregación do alumnado nos centros de ensino polo que pediu que a Xunta “recupere os tres millóns de euros (cada ano) destinados aos centros concertados e destine esa cantidade á mellora do ensino público”.

Pombo tamén aludiu na súa intervención a unha denuncia contra o recorte para funcionamento en 123 centros de ensino nun 9% e en 21 centros en máis dun 20 por cento.

O parlamentario concluíu afirmando que o “repago” nos comedores escolares suporá a eliminación dun “dereito do ensino” sobre todo no medio rural, onde este servizo faise fundamental para poder estar escolarizado, o PP trala aprobación dos orzamentos volve anunciar novos recortes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG