O BNG participa no X Congreso de Eusko Alkartasuna (EA) que se celebra o vindeiro 19 de maio en Iruñea, a través da eurodeputada e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, nunha cita política que a formación nacionalista vasca celebra cada catro anos. Segundo explica EA, as teses políticas do Congreso responden ao seu compromiso de avanzar en tres ámbitos que, ao seu xuízo, sofren un parón: a normalización política, a situación socioeconómica e o proceso do dereito a decidir.
Miranda salienta a importancia de manter un contacto fluído e permanente con formacións políticas doutras nacións do Estado, en particular con aquelas que teñen postulados similares en termos políticos, de defensa da soberanía dos pobos e de propostas para abordar a crise económica e pór freo aos recortes de dereitos sociais, impostos polos gobernos do PP, que están empobrecendo ás maiorías sociais.
Neste sentido, EA formou parte da coalición Europa dos Pobos, liderada polo BNG e ERC, que a súa vez forman parte da Alianza Libre Europea, unha coalición europea que agrupa a 35 partidos nacionalistas de diferentes Estados da UE, integrado no Grupo Verdes/ALE na Eurocámara.
Igualmente, Miranda representará ao BNG na xornada que organiza a Chunta Aragonesista (CHA) baixo o título Ampliación interna e autodeterminación dentro da UE, que se celebra este sábado en Zaragoza, onde se debaterá sobre a consecución de maiores cotas de soberanía, sobre os procesos de independencia que están en marcha en Europa que poden derivar en novos Estados, e o seu futuro encaixe deses novos Estados dentro da UE.