O deputado do BNG afirma que a PPC consagra o peor das pautas de actuación de Europa respecto da frota do País, pondo en risco o futuro de boa parte da mesma.
Bieito Lobeira lamentou que a conselleira de Mar e Medio Rural, Rosa Quintana, cualificara de netamente positivos os resultados dos acordos obtidos no Consello de Ministros da UE sobre a nova Política Pesqueira Común e os presentara como un trunfo cando son un fracaso e unha derrota en toda regra.
O deputado, logo da comparecencia en pleno da conselleira, afirmou que os ditos acordos consagran o peor das pautas de actuación históricas da Unión Europea contra os intereses pesqueiros galegos.
O parlamentar criticou especialmente que se manteña o cerne da discriminación da frota do País, é dicir, o principio de estabilidade relativa, que é o que determina quen pode pescar e quen non, con que topes, malia non responder a ningún criterio lóxico, asegurou.
Para o deputado nacionalista, o máis grave non é só que se manteña este principio, senón que máis unha vez o goberno do Estado non se opuxo ao mesmo, non presentou ningunha emenda na súa contra, sacrificando así os intereses galegos mentres primaba a outras zonas, como o Mediterráneo.
Despece de buques
Neste sentido, lamentou que o goberno da Xunta asuma sen máis os argumentos do Estado de que non se pode facer nada e teime en salientar como un logro o mantemento das axudas e subsidios para o despece de buques, unha opción que pode ser positiva en casos individuais pero non do ponto de vista colectivo.
O goberno do Estado non presentou ningunha emenda relativa a Galiza e contraria ao tan lesivo principio de estabilidade relativa
A súa non é a posición de Galiza, é a posición do PP, reprochou á conselleira e instouna a que esixa ao goberno do Estado que non defenda o principio de estabilidade e que presente un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da UE contra o mesmo, do contrario boa parte da frota galega non poderá resistir.
Selección Española
Bieito Lobeira explicou que a propia UE recoñece que non ten dados de como están as capturas nun 54 por cento dos caladoiros e aínda así non nos deixan pescar, claro que dá igual, porque para iso está a selección española.
O deputado concluiu alertando de que o Consello de Ministros de Pesca da UE é unha casa dos horrores, un akelarre para promover o pánico e o terror no sector pesqueiro galego.