O asasinato dunha muller, a mans do seu home, no Hospital de Ourense e a falla de seguridade das vítimas de violencia de xénero será tratado no vindeiro pleno, á iniciativa do BNG
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera avanzou hoxe, na comparecencia ante os medios de comunicación tras a reunión da Xunta de portavoces que, o BNG defenderá unha Proposición non de lei sobre a muller asasinada por violencia machista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Para Jorquera, o acontecido resulta un caso escandaloso que revela a incapacidade das administración para protexer a vida das mulleres vítimas de malos tratos polo que reclamou menos minutos de silencio e máis acción ante a morte dunha muller vítima por terrorismo machista.
Neste sentido demandou intensificar os medios contra a violencia de xénero para asegurar a protección das vítimas e esixiu responsabilidades polo acontecido.
Asuntos que serán debatidos na vindeira sesión plenaria
O portavoz parlamentario nacionalista deu conta das diversas propostas do BNG para a vindeira sesión plenaria entre as que destacou: As deficientes condicións laborais dos traballadores das subcontratas das operadoras de telecomunicacións, conflito,dixo, no que a Xunta segue a mirar para outro lado mentres as grandes operadoras acumulan cada vez máis beneficios e unha Proposición non de lei relativa ao funcionamento e tarifas dos servizos ferroviarios en Galiza.
Asemade, serán debatidos outros asuntos sobre o Decreto da Reválida, as sentenzas referidas á reincorporación do Profesorado que impartía os cursos CELGA de Galego para adultos e a pregunta ao Presidente sobre como valora que seis de cada dez galegos consideren negativa a xestión da Xunta.