O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, realizou este serán a súa última intervención no Pleno da Cámara como portavoz do BNG no Congreso.
Recurro á miña lingua, o galego, para dicer que esta é a miña derradeira intervención. En galego señorías distinguimos entre última, a última antes de que se produza a seguinte, e derradeira, a última das últimas, despois non haberá máis, sinalou.
Jorquera confesou sentirse emocionado porque para min foi un honor ter a oportunidade de falar desde a mesma tribuna na que o fixeron destacados galeguistas como Castelao, Suárez Picallo, Otero Pedrayo ou Antón Vilar Ponte. Como tamén o foi poder compartir o traballo parlamentar con moitos de vós.
O deputado do BNG salientou que fronte á imaxe que moitas veces se proxecta do Parlamento, aquí convivín con deputados/as honestos/as, traballadores e rigurosos. Jorquera aproveitou para facer crítica do que está acontecendo expresando a miña preocupación pola perda de vitalidade política e democrática desta Cámara. Pola percepción de que moitas decisións fundamentais para o futuro da sociedade non se substancian neste ámbito.
O candidato do BNG á Presidencia da Xunta manifestou a súa preocupación porque moitos dos problemas que afectan á vida diaria dos pobos e da cidadanía non teñen o seu reflexo nas prioridades da axenda parlamentar. Salientou o feito de que hoxe mesmo este Parlamento parece un búnquer ante as protestas da xente que non se sinte representada polo que se decide e discute nesta Cámara.
O BNG, resaltou, está a favor dunha democracia máis participativa, dunha democracia real, pero non se pode construir prescindindo dos Parlamentos, hai que revitalizalos, rescatándoos para que cumpran a súa función de institución central da vida democrática, de auténtica expresión da vontade popular.
Por último, amosou o seu agradecemento a todas as persoas que entre bambalinas colaboraron comigo. Rematou desexando a todos o mellor no persoal, no político, como é lóxico, a uns lles desexo que lles vaia mellor que a outros.