Jorquera afirma que a Igrexa debe pagar impostos "como todo dios"

Catedral de Santiago en obras

O deputado do BNG reclamou eliminar os privilexios económicos da Igrexa Católica e solicitar do Goberno central unha revisión e modificación dos acordos coa Santa Sede

 Francisco Jorquera

O deputado do BNG, Francisco Jorquera defendeu hoxe unha Proposición non de lei na comisión de de Economía e Facenda demandando do Goberno galego instar ao Goberno central a iniciar as xestións oportunas para eliminar as exencións fiscais recoñecidas á Igrexa Católica e que pague os seus tributos “como todo dios”.

O parlamentario comezou a súa intervención coa lectura de dous titulares de prensa referidos ás cantidades roubadas polo ladrón do Códice Calixtino, máis dun millón e medio dende o ano 2004, e sobre o investimento por parte do Goberno central de 17 millóns de euros para a restauración da Catedral de Santiago.

O patrimonio da Igrexa é sufragado con cartos de todos e todas

O parlamentario preguntou se resulta “normal” que a propia Igrexa descoñecera canto ingresaba “mediante o cepillo” mentres o contábel recoñece desaxustes entre 2002 e 2011 de máis de 20 millóns de euros e sen embargo haxa que sufragar “con cartos de todos e todas” a restauracións da catedral.

Jorquera sumou as obras na catedral de Santiago a restauración da Igrexa da Virxe da Barca da que dixo, máis alá das crenzas relixiosas de cada quen, debe ser a Igrexa a que conserve o patrimonio e administre e transparencie as súas contas.

Catedral de Santiago en obras

O BNG xa solicitou a revisión e modificación dos acordos internacionais asinados coa Santa Sede en 1976 e 1979 por que son “impropios”, dixo, dun Estado aconfesional. Párecelles normal que a Igrexa estea exenta de pagar o IBI e que as exencións ademais dos lugares de culto afecten tamén a establecementos hosteleiros e propiedades da Igrexa, preguntou.

Neste sentido, considerou “unha deslealdade” para o sector hosteleiro as vantaxes da Igrexa sobre todo nunha cidade como Santiago de Compostela así como doutros beneficios entre os que destacou: as exencións no imposto de sociedades, transmisións patrimoniais, sucesións e doazóns.

O deputado insistiu na necesidade de eliminar o pago con cartos públicos aos centros privados concertados, profesores de relixión, ou capitáns castrenses porque ao ano, dixo, a Igrexa beneficiase de máis de 11.000 millóns de euros de privilexios económicos, “bastante máis que o orzamento da Xunta de Galiza”, remarcou.

Mentres son revisados os acordos coa Santa Sede, Jorquera propuxo que a Xunta, en colaboración cos concellos, negocie coa Igrexa Católica “unha compensación” polo feito de estar exenta do pago do IBI.

A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG