A concelleira Iolanda Veloso é a nova portavoz do grupo municipal do BNG de Vigo despois da renuncia efectuada por Santi Domínguez, quen asegurou ter tomada esta decisión como forma de hixiene democrática. Nunha conferencia de prensa conxunta dos tres integrantes do Bloque municipal, Iolanda Veloso agradeceulle ao seu antecesor o traballo realizado ao longo da súa traxectoria política e destacou os seus valores de honestidade, xenerosidade e lealdade á organización.
Iolanda Veloso asegurou que malia producirse un cambio na portavocía do grupo, non mudará a liña estratéxica que leva a cabo o Bloque vigués na presente lexislatura. A organización ten moi clara a función do BNG no Concello de Vigo, que é respostar ás necesidades da cidadanía, asegurou.
Neste sentido, a nova portavoz municipal comentou ironicamente as declaracións de dirixentes do PP sobre os cambios no BNG de Vigo: que non abran aínda o champaña, porque en Vigo non imos facilitarlles a chegada á Alcaldía nin a permitirlles que apliquen as súas políticas de recortes, subliñou.
Ademais de recalcar o seu compromiso de seguir traballando cos compañeiros do grupo municipal e a organización no obxectivo de atender as necesidades cidadanía, tamén subliñou o seu obxectivo de contribuír ao proceso de achegamento á cidadanía no que está inmerso o Bloque e de denuncia de perda de dereitos consecuencia das políticas do PP, que afectan de xeito especial ás mulleres. Como muller é un orgullo que a organización confíe en min para exercer as tarefas de portavoz, finalizou.