O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, estivo esta mañá cos afiliados da CIG en folga de fame contra unha sentenza a tres sindicalistas, condenados a tres anos de prisión por defender aos traballadores e traballadoras.
Guillerme amosouse farto dunha situación na que os traballadores e traballadoras van ao cárcere, mentres os responsábeis da desfeita que vivimos, banqueiros entre eles, sigan sen que o poder xudicial lles toque un pelo.
O portavoz nacional, que estivo acompañado na súa visita pola secretaria de organización e portavoz de emprego no Parlamento de Galiza, Montse Prado, afirmou que a reivindicación dos afiliados e afiliadas da CIG tamén é unha defensa da democracia, o trato igual, xustiza igual para todos e todas.
O líder nacionalista afirmou que a democracia demóstrase con feitos e isto para min non é democracia práctica porque o que non pode ser é que os que desfalcan miles de millóns de euros que temos que pagar entre todos e todas non se lles toque un pelo mentres se condena unha e outra vez a traballadores e traballadoras.
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre isto, Guillerme aludiu tamén á situación de traballadores e traballadoras condenados en Ferrol por un acto simbólico no que se levaron unhas bolsas nuns supermercados. Algo non vai cando sucede isto e teremos que cambialo entre todos e todas, concluíu.
Eleccións catalanas
O líder do BNG referiuse tamén aos resultados das eleccións catalanas de onte e puntualizou que hai resultados e lecturas e eu farei unha elemental. Houbo un debate amplísimo sobre se se dicía si ou non ao dereito a decidir, á soberanía e o resultado é que di que gañou o si frente ao non. Ésa é a realidade obxectiva.
Se o debate fulcral era o que se nos dixo que era, hai uns que gañaron e outros que non gañaron. É así de sinxelo.