Guillerme salienta a necesidade dun cambio radical para saír da crise

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou este martes que a solución á crise de débeda pública que padece o Estado español “pasa por cambiar o papel do Banco Central Europeo e por unha profunda reforma fiscal que faga pagar máis aos que máis teñen”.

Guillerme estivo hoxe en Allariz, acompañado polo alcalde da localidade, Francisco García, para presentar aos axentes económicos e sociais da vila a proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega, así como as demais propostas nacionalistas para saír da crise.

“O Banco Central Europeo favorece a especulación financeira”

A este respeito, subliñou que “o problema non era Grecia, o problema non ten que ver co que nos din, senón que ten que ver cun sistema que non funciona e que hai que reparalo a fondo”.

E propuxo dúas medidas imprescindíbeis que hai que abordar para saír da crise. En primeiro lugar, o portavoz nacional do BNG defendeu que “o Banco Central Europeo ten que deixar de ser un banco que favorece a especulación financeira a nivel mundial, e pasar a ser un Banco Central de verdade que cumpra coa súa función para estimular a creación de emprego e o crecemento económico”.

Que deixen de distraernos: a solución está nun cambio profundo das políticas económicas

En segundo lugar, Guillerme reclamou “unha profunda reforma fiscal, de maneira que os que teñen moitos cartos empecen a pagar impostos e o Estado empece a ter recursos”. “A iso haille que sumar -engadiu- o combate decidido contra a fraude fiscal e contra os paraísos fiscais”.

E como medida eficaz contra a falta de crédito, o portavoz nacional do BNG propuxo que “coa que está caendo neste momento razón de máis para seguir apostando pola Banca Pública Galega”.

 

http://youtu.be/PoQRWXCh2Ks

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG