O Goberno non responde ao BNG sobre o impacto do copago farmacéutico

Montse Prado pediu unha avaliación do impacto en pensionistas e doentes con enfermidades crónicas

Unha vez máis, o BNG non acadou unha resposta do Goberno á pregunta formulada pola deputada Montse Prado na Comisión de Sanidade relativa aos resultados da implantación en Galiza do copagamento farmacéutico e o seu impacto en pensionistas e persoas con enfermidades crónicas.

Prado preguntou polo número de persoas que deixan de recoller medicinas prescritas por falta de recursos económicos e ante a exclusión de 400 medicamentos entre os que nomeou os antigripais, tratamentos antimigraña, contra hemorroides, sequidade ocular ou dermatite.

A parlamentaria criticou que o responsable da Consellería de Sanidade, cinguira a súa intervención a datos de aforro global e medias nos pagos dos pensionistas obviando as cifras requiridas pola nacionalista polo que reiterou a súa pregunta e afirmou que dende o “BNG temos constancia dun gran número de persoas que ao solicitar os medicamentos e coñecer o prezo, deciden non levalo”.

Para Prado “o repago farmacéutico” está a afectar de maneira "lesiva" sobre todo a pensionistas e doentes de enfermidades crónicas e criticou que a Xunta “negue a evidencia” ocultando o impacto desta medida.

A deputada criticou que a propia conselleira de Sanidade, na última sesión plenaria, mantivera como resposta ás preguntas formuladas, “non nos consta”, a pesar dos inqueritos realizados por diversas asociacións de pensionistas que reflicten “un alto porcentaxe” dese colectivo descontento co novo sistema.

“A eses apenas 8 euros dos que vostedes falan” dixo, hai que sumar que nun momento de crise económica son os pensionistas os que “sustentan a moitas familias”.

Prado concluíu a súa intervención afirmando que o BNG defende a Sanidade Pública Universal e Gratuíta financiada cos impostos de todos e todas.

Reforma laboral que precariza o emprego e incrementa o paro

Na mesma comisión, Montse Prado tamén preguntou polos resultados da Reforma Laboral tendo en conta que en Galiza “non deixo de medrar o paro e a precariedade no emprego”.

Unha reforma laboral, dixo, con efectos “nefastos” para @s traballado@s en Galiza cun retroceso histórico nos dereitos e o aumento alarmante da pobreza. Prado tamén lembrou que o BNG xa pediu no Parlamento galego instar ao Goberno do Estado á derrogación do Decreto que reformou o mercado laboral.

Pola súa parte, a directora de Formación e Emprego, Ana Díaz López negou a diagnose da nacionalista asegurando que a Reforma laboral non provocou máis paro e mellorou as condicións laborais dos traballadores ao que a nacionalista respondeu que desde a aprobación do decreto a rebaixa salarial é decidida “unilateralmente” como aconteceu recentemente no centro sanitario de Povisa, a negociación colectiva é dinamitada por sistema e os traballador@s quedan indefens@s ao rachar o equilibrio entre empresari@s e asalariad@s.

Montse Prado criticou o “ton triunfalista” da responsable de traballo cando a realidade, dixo, é que Galiza segue rexistrando un gran número de parados e paradas e a poboación activa, por conta propia ou allea, segue baixando.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG