A parlamentaria do BNG, Carme Adán suxeriu ao responsábel de Industria culpabilizar a Deus por enviarnos as cicloxéneses explosivas a Galiza e acusou de covardía ao Goberno galego por non asumir a súa responsabilidade na rotura da balsa da canteira de seixo no Monte Neme que afectou gravemente ao monte e fincas privadas
A deputada do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta ao Goberno sobre as actuacións da Xunta ante as evidentes deficiencias de seguridade da canteira do Monte Neme na que recentemente rompeu a balsa de lama.
O director xeral de Industria, Bernardo Tahoces afirmou que a culpa da rotura da balsa debeuse as consecuencias dos recentes temporais en Galiza sendo responsábel das medidas de seguridade a empresa.
A nacionalista suxeriu a Tahoces culpalbilizar a Deus de ternos enviado as cicloxénese a Galiza ante a negativa do Goberno de asumir a súa responsabilidade nunha canteira abandonada hai 3 anos que recibiu axudas públicas.
Una mina abandonada e carente de sinais de perigo
Na súa intervención, Adán lembrou que a canteira da empresa Leitosa carece das medidas de seguridade necesarias e sen sinalización de perigo, a balsa de lama, afirmou presentaba hai tempo unha fenda que ameazaba con provocar o desborde.
A nacionalista abundou en que a seguridade das instalacións está prevista tendo en conta as peores condicións climáticas e non para días radiantes de sol e calma e os técnicos/as seguro que analizan a estrutura dos ocos de explotación ante calquera continxencia.
O Goberno concedeu 60.000 euros en axudas ambientais á mina
O problema, dixo, redúcese a unha empresa que recibiu axudas públicas por varios conceptos e que tras abandonar a explotación, o concello de Carballo ponse en contacto coa administración galega para alertar dos posibles perigos da canteira. Despois de meses sen que o Goberno tomara ningunha iniciativa, vostede non pode agora culpabilizar da rotura da balsa ás inclemencias do tempo, non actuaron contra esta canteira abandonada e descoñecemos que a dirección xeral de Industria adoptara medidas contra perigos que representan outras canteiras en iguais condicións.
A deputada afirmou que a minería a ceo aberto, en alusión a Corcoesto, non é a solución e lembrou o esforzo de miles de persoas, de maneira desinteresada, contra o que cualificou de atentado medioambiental en Galiza.
Adán concluíu a súa intervención reclamando un compromiso de maior dilixencia do director de Industria para que non volva a ocorrer o mesmo que no Monte Neme.
Pola súa parte, Bernardo Tahoces volveu culpabilizar o mal tempo e a o responsábel da empresa concesionaria da canteira a rotura da balsa.