Os datos do paro do último trimestre deixan en evidencia que as políticas do PP continúan destruíndo emprego e, en palabras do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, son o mellor reflexo dos resultados desastrosos das políticas económicas do Goberno central e da Xunta, que desmenten as bravatas de Feijóo sobre a unha soposta recuperación da economía.
Esa suposto recuperación económica deixa en Galiza unha caída do emprego que duplica a media estatal, cun descenso de 12.757 afiliados na Seguridade Social en 2013, o que implica un 1,4% de caída da afiliación cando a media do conxunto do Estado foi do 0,52%, é dicir en Galiza foi máis do dobre.
Vence tamén chama a atención no feito de que os datos amosan que a redución de emprego en Galiza afecta non só aos sectores da construción e da hostalería, senón tamén ao sector industrial, deixando claro que as políticas da Xunta se están cargando o noso tecido produtivo.
Toda a batería e medidas de recortes non está levando a unha recuperación económica senón a unha persistente destrución de emprego que aínda continúa, en paralelo a un aumento enorme das desigualdades e do empobrecemento dunha gran parte da sociedade.
En contraposición, o Bloque considera necesario unha mudanza radical das políticas económicas, da política fiscal e das políticas de servizos públicos, frear a estratexia de do PP de espolio da maioría en beneficio dunha minoría e pór en marcha unhas políticas de incremento do gasto e dos servizos públicos como motor para reactivar a demanda e a creación de emprego, concluíu.