Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República
A nosa nación está a vivir momentos difíceis. Para alén dunha profunda crise económica, que vén agravar as dificultades estruturais derivadas da situación de dependencia, asistimos a un proceso de re-centralización política que mingua, aínda máis, a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro. E isto, en medio dunha non menos profunda crise do sistema político español, que atinxe todas as institucións que o conforman, nomeadamente a monarquía. A mesma monarquía que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo.
Os reiterados escándalos de corrupción que afectan ao Borbón e á súa familia veñen pór aínda máis en evidencia o anacronismo que supón nos nosos días a institución monárquica. Con efecto, como é posíbel considerar compatíbel cos principios democráticos unha Xefatura de Estado que non é elixida pola cidadanía, vitalicia, hereditaria, estabelecida pola graza de Deus e, no caso español, tamén pola de Franco? Para alén do máis, situada por encima da lei, porque a Constitución española estabelece que a persoa do Rei non está suxeita a responsabilidade. Estamos diante dun residuo político do pasado, que nada ten a ver co que á altura do século XXI se entende como verdadeiramente democrático.
Mais, para alén desta cuestión de exixencia democrática, na situación actual tórnase absolutamente escandaloso o espectáculo dunha familia de parasitos sociais que vive a corpo de rei a custa da cidadanía. Iso si, sen descoidar os seus negocios. As vinculacións do Borbón cos grandes poderes económicos veñen de lonxe e até onde é coñecido, foron proveitosas. Realmente ofende o máis elemental sentido da decencia que os homes e mulleres da Galiza, que vivimos, con enormes dificultades, do noso traballo e do noso esforzo, teñamos que pagar os luxos, os palacios, os iates, as cazarías e até os divertimentos aos Borbóns. E non é unha cuestión de cantidade senón de dignidade.
E xustamente por dignidade -mais tamén por necesidade- fronte á dramática situación que vivimos, erguemos a bandeira da República. Unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo. Esa será a nosa República.
O pobo galego, as mulleres e homes da Galiza, séntense cada vez máis afastados dunhas institucións españolas que son percibidas, a cada día máis claramente, como responsábeis da ruína da nosa nación: políticas antisociais, desmantelamento dos nosos sectores produtivos, privatización dos servizos públicos, eliminación do noso sistema financeiro, roubo de salarios e aforros, discriminación da nosa lingua, corrupción xeneralizada...
Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, coa política convencional indisimuladamente ao servizo do poder económico, coa corrupción instalada no corazón da xustiza, do empresariado, dos medios e da monarquía, coa xente sendo expulsada das súas casas polos mesmos bancos que estafan millares de persoas, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República.
Porque é evidente que unha simples mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso País e non resolverá os problemas que padecemos se non rompermos a dependencia á que Galiza está sometida. Para podermos mudar realmente esta situación precisamos de liberdade e de capacidade para decidir en función dos nosos intereses como nación, precisamos de soberanía. Por iso, as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado, a República da Galiza.