O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou esta tarde na reunión da Dirección Nacional de Galiza Nova,na que a organización xuvenil do Bloque expuxo as súas propostas á catastrófica situación laboral que está a padecer a mocidade galega como consecuencia das política económicas do PP.
O secretario xeral da organización, Alberte Mera, esgrimiu os datos do mercado laboral como evidencia da falta de perspectivas para a xente nova. 77.000 mozos e mozas abandonaron Galiza nos últimos catro anos, e a tendencia foi en aumento posto que, desa cifra, 26.000 marcharon o ano pasado, o que fai unha media de 2.000 mozos e mozas que colleron a maleta cada mes durante 2012. Unha radiografía que se completa cos 80.000 en paro que, infrutuosamente, buscan traballo en Galiza.
Nunca unha xeración de xente nova tivo un panorama laboral e vital tan negro, salientou Vence, quen denunciou as consecuencias que están a provocar as políticas económicas do PP, ineficaces e regresivas que só ofrecen á xuventude galega precariedade extrema, paro ou emigración.
Vence insta a xente moza a rebelarse para mudar o rumbo das políticas económicas e antisociais do Goberno central e da Xunta, que están deteriorando a vida dos galegos de das galegas.
Ante esta situación, Galiza Nova emprende unha campaña informativa e reivindicativa baixo o título Nin escravitude, nin emigración. Na Galiza esiximos dereitos, que se difundirá en centros de ensino de FP e universidade, para culminar cun acto reivindicativo o 15 de outubro nas oficinas de emprego do país.
Programas de orientación e recualificación para a mocidade desempregada, políticas reais de creación de emprego e a derogación das reformas do mercado laboral que precarizan as condicións laborais e dificultan o acceso ao emprego son algunhas das propostas enumeradas por Galiza Nova. Non cabe a resignación, nin quedar na casa ante o roubo dos nosos dereitos sociais e laborais, concluía Mera.