A militancia da organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebra mañá, domingo, 18 de novembro, a súa XII Asemblea Nacional. Será na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do Campus Sur en Santiago de Compostela onde debaterá os documentos políticos que recollen os eixos prioritarios da acción que guiará Galiza Nova os próximos dous anos.
Despois do proceso iniciado co debate e proposta de emendas aos textos asembleares nas comarcas, será en Asemblea Nacional onde colectivamente se debata sobre os diferentes aspectos que recollen as teses: importancia da crise económica e a súa incidencia da mocidade, as políticas da dereita e a alternativa do nacionalismo xuvenil, o papel de Galiza Nova na mobilización social e as melloras organizativas necesarias para fortalecer o BNG e ampliar a incidencia do nacionalismo galego entre a mocidade.
Nesta XII Asemblea Nacional corresponderalle elexir á militancia unha nova dirección política para esta etapa así como un/ha novo/a Secretario/a Xeral, unha vez rematado o periodo da actual Secretaria Xeral, Iria Aboi Ferradás, que non volverá a presentarse.
O acto de clausura contará coa presencia das diferentes organizacións sociais de Galiza, así como co Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que terá unha intervención após o discurso de clausura do novo/a Secretario/a Xeral de Galiza Nova
A XII Asemblea Nacional de Galiza Nova iniciará os seus traballos asembleares ás 9:00 horas da mañá e rematará coa sesión de clausura aberta ao público ás 20:00 horas da tarde.