O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruíu por completo o Monte Pindo, o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouviu o berro dos milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor. Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro,Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.
A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto..., e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente causando ademais moitos problemas á veciñanza desde espazos porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.
Dáse ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espurios e coloniais de quenes só lles interesa o lucro e non a terra e os seus habitantes.
Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se converta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela, mentres desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos... buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.
A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, confluiremos o 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Polo tanto, ESIXIMOS:
- Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.
- Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, apoiando as explotacións agrogandeiras existentes, promovendo a creación de novas, e investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos habitantes co seu medio natural.
- Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os monocultivos de especies pirófitas e substituílos por especies autóctonas e outros aproveitamentos que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.
- Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa...) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.
- Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno, cando cambiou a mangueira de xardín polas tesoiras de podar.
- Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.
Este día o pobo galego está a falar, e di ben claro que non nos resignamos a ver como este goberno fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe.
CONVOCA: ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL